A actividade de dinamización lingüística As pombas de Carboeiro, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do programa FalaRedes 2013, retoma esta fin de semana a súa itinerancia por concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A mocidade fisterrá poderá gozar deste espectáculo, que está deseñado para levarse a cabo en colaboración coa banda de música municipal da localidade anfitrioa, o domingo ás 18:30 horas nun pase que terá lugar na Casa do Concello de Fisterra.
As pombas de Carboeiro combinan lingua narrada e dramaturxia, monicreques e música, da man da compañía Fantoches Baj. Durante a representación, o elenco artístico convértense en frades que teñen por misión convencer o batallón do exército napoleónico de que non sacie a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras que habitan no mosteiro de Carboeiro. A historia descobre o amor prohibido entre Cervela (correo de El-Rei Fernando II) e Octavia (a filla máis nova de Lupa de Lobarzán), que dará orixe á estirpe de aves que habitan o mosteiro.
Unha das técnicas de de representación da historia, na que tamén se mesturan os contos, os cantos, as lendas, os monicreques e os romances, é a do kamishibai, unha vella arte xaponesa baseada na sucesión de láminas impresas nunha xanela de madeira que leva unha bicicleta. As imaxes escollidas para construír o relato son as que compoñen as cartas do Tarot da Marsellesa, coas que entretiñan tradicionalmente os soldados franceses.
As pombas de Carboeiro comezou en abril o seu itinerario por concellos da RDL, no marco de FalaRedes 2013, e ata final de ano sumará un total de 19 localidades ao longo de toda a xeografía galega. Na primeira parte da xira, o espectáculo chegou aos municipios de Vedra, Cambados, O Carballiño, O Rosal, Negreira e Melide. Despois dos meses de verán, levou teatro e diversión en galego a Padrón e Ortigueira, localidades ás que se lle sumarán nas semanas vindeiras os concellos de Tui, Valga, Ribadavia, Brión, Boiro, Oleiros, Viveiro, Foz, Sober e Lalín.
Toda a información e o calendario completo de As pombas de Carboeiro e FalaRedes 2013 xa está dispoñible en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013, así como nas redes sociais.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.