
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia a campaña escolar arredor do espectáculo Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño, que durante a súa estadía no Salón Teatro de Santiago congregará máis de 1.300 alumnos de 20 centros educativos de toda Galicia. Teatro do Noroeste e o Centro Dramático Galego (CDG) coproducen esta montaxe, que dirixe Eduardo Alonso, a través da que afondan na divulgación da figura e da obra do autor compostelán entre os espectadores máis novos.
Durante estas dúas semanas, a sede compostelá da compañía pública ofrecerá sesións matinais de martes a venres, ás que acudirán grupos de estudantes a partir dos 6 anos de idade acompañados dos seus profesores. Colexios e institutos de Ames, Brión, Caldas de Reis, Mazaricos, Mesía, Muros, Ordes, Ourense, Porto do Son, Vedra, Viveiro, Santiago de Compostela e Trazo teñen xa confirmada a súa participación nesta campaña, a través da que se busca incidir na difusión dunha das facetas menos coñecidas de Vidal Bolaño como autor de teatro familiar.
Alejandro Carro, Laura Míguez, Fernando González e Victoria Pérez interpretan os cómicos e músicos ambulantes protagonistas desta historia, que permanecerá en cartel en Santiago ata o vindeiro 20 de outubro, ofrecendo outras catro funcións para público xeral nas fins de semana (sábados e domingos, ás 18.00 horas) como parte da programación especial que a compañía pública está a desenvolver en homenaxe ao dramaturgo compostelán ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.
Visita desde Bos Aires
A representación do sábado día 12 contará coa presenza dun grupo do Instituto Santiago Apóstol do Centro Galego de Bos Aires, de viaxe de estudos en Galicia. Estes alumnos terán así a oportunidade de gozar desta nova versión do Touporroutou da lúa e do sol, para a que o CDG e Teatro do Noroeste recuperaron especialmente o deseño gráfico do cartel que os propios estudantes do centro galego deseñaran para a súa posta en escena o pasado mes de abril na capital arxentina.
Como ferramenta didáctica de apoio a esta campaña, a unidade de produción teatral da Consellería de Cultura e Educación editou un caderno pedagóxico elaborado por Roberto Pascual, profesor da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, entidade que tamén colabora con esta coprodución contribuíndo á experiencia de introducir no elenco actores e actrices recentemente titulados neste centro.
A través deste caderno, que está dispoñible para a súa descarga na web do Centro Dramático Galego, os profesores disporán de material de apoio específico para traballar cos seus alumnos arredor desta obra de Vidal Bolaño e da súa versión escénica tanto antes como despois da súa asistencia ao espectáculo.
Ligazón directa ao caderno pedagóxico:
http://www.centrodramatico.org/imxd/obras/doc/1380139987Touporroutou_da_lua_e_o_sol_Caderno_Pedagoxico.pdf [nova venta]
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.