Notas de prensa

Turismo de Galicia e Agadic presentan o programa Cultura no Camiño

Concertos de diferentes estilos e funcións de teatro, maxia e novo circo teñen cabida nesta programación como parte dos actos conmemorativos do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. Os espectáculos de 56 grupos de música e compañías escénicas exhibiranse desde mañá e ata finais de mes no marco desta nova carteleira, cen por cen galega, que incide na descentralización da oferta cultura.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, presentaron o novo programa escénico e musical Cultura no Camiño, que ofrecerá un total de 105 actuacións de teatro, maxia, música e novo circo en 42 localidades galegas situadas nas distintas rutas xacobeas. Organizado en colaboración cos concellos participantes, o calendario de espectáculos dá comezo mañá e esténdese ata finais deste mes de outubro como parte dos actos conmemorativos do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, resaltou o feito de que no que vai de ano máis de 190 mil peregrinos recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino, isto supón un incremento do 12,4% con respecto dos peregrinos rexistrados no mesmo período do ano pasado. Nava Castro incidiu tamén no feito de que o Camiño de Santiago “é o produto turístico estrela da nosa comunidade. É a nosa carta de presentación no mundo e constitúe un potente elemento diferenciador”.

Ademais, resaltou que dende mediados deste ano, ata mediados de 2015, Compostela engade ao feito de ser cidade meta dos peregrinos, o reclamo de ser o epicentro dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Ao tempo, comentou que xa se teñen realizado actividades conmemorativas como a exposición que se pode visitar en Asís ou o programa Música no Camiño a través do que se desenvolveron actividades musicais gratuítas durante o verán en enclaves do Camiño Francés.

Segundo resaltou a directora de Turismo, a dinamización das vilas xacobeas contribúe a complementar a actividade cultural neste mes de outono, “unha época extraordinaria para coñecer Galicia, para redondear a estadía entre nós con ofertas culturais atractivas”.

Pola súa banda, o director da Agadic incidiu no carácter descentralizador desta iniciativa na procura de compartir a oferta cultural galega co maior número de cidadáns posible. Neste caso, achégase ao público de concellos polos que discorren os diferentes camiños a Santiago e que, como explicou¬¬ Jacobo Sutil, “non adoitan formar parte dos circuítos habituais de distribución escénica e musical”.

“Con esta mesma prioridade –engadiu– búscase tamén impulsar a permanencia das programacións culturais máis alá do período estival, así como a variedade nas súas carteleiras tanto desde o punto de vista dos xéneros que abranguen como dos espectadores de todas as idades aos que se dirixen”.

Modalidades artísticas

Neste sentido, Cultura no Camiño ofrecerá un total de 24 representacións teatrais para público adulto e 22 para público infantil, ademais de 36 actuacións de maxia, 18 concertos e 5 funcións de novo circo. Será, ademais, unha programación cen por cen galega protagonizada por 56 compañías escénicas e grupos musicais.

Durante a súa intervención, o director da Agadic agradeceu, así mesmo, a implicación de Turismo de Galicia e dos 42 concellos participantes nesta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nas súas palabras, este programa cultural exemplifica como a suma de vontades entre entidades públicas pode derivar en “moi positivas sinerxías de traballo, que nos permiten racionalizar a xestión administrativa e optimizar os recursos económicos e humanos dispoñibles”.

A programación inaugúrase mañá coas actuacións de Animar-T, que representa o espectáculo A historia de Martín na Fonsagrada; Rober Bodegas, con O umbral da estupidez humana (produción de Abrapalabra Creacións Escénicas) en Fene; e Creacións Máxicas Lirorai, con Maxia de aquí e acolá en Rodeiro.

Por provincias, os concellos nos que se desenvolve Cultura no Camiño son: A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Arzúa, Cambre, Carral, Corcubión, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Melide, Negreira, Padrón, Rois e Teo, na provincia da Coruña; A Fonsagrada, Abadín, Barreiros, Begonte, Guitiriz, Guntín, Lourenzá, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Ribas de Sil, Sarria, Sober e Vilalba, na de Lugo; A Mezquita, Amoeiro, Castrelo do Val, Piñor e Xinzo de Limia, en Ourense; e A Illa de Arousa, Catoira, Mos, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Silleda e Soutomaior, en Pontevedra.

O calendario coas datas e horas das funcións está dispoñible para a súa consulta na páxina web da Agadic: www.agadic.info/Axenda

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES