A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará o día 8 de outubro ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a estrea absoluta das composicións musicais creadas a partir da exposición CLEARBLUESKYDEEPDARKWATER, unha mostra de pezas do londiniense Graham Gussin que acolle este centro da Consellería desde o pasado mes de xuño. No marco da cuarta edición do ciclo Música e arte. Correspondencias sonoras, a Consellería organizará tamén este sábado 5 de outubro ás 11,30 horas a segunda edición do cAuSaL, un importante encontro internacional de compositores que contará coa presenza de Charles-Antoine Fréchette (Francia), Alireza Farhang (Irán) e Hugo Morales Murguia (México). A entrada será libre para todos os interesados en asistir a este encontro.
O martes 8 ás 20,30 horas, Vertixe Sonora Ensemble será a responsable de pechar o ciclo con Ambiguo e sublime, estrea absoluta das composicións nacidas a partires da mostra de Gussin no CGAC, unha das programadas co gallo do 20 aniversario do centro. No concerto interpretaranse as composicións 'When I do Count the Clock that Tells the Time', de Alireza Farhang, para saxofón, percusión, piano e violonchelo; 'Un jardín primitivo', de Santiago Díez Fischer, para trío amplificado de saxofón barítono, violonchelo e percusión; e mais 'Toposition(s)#', de Charles-Antoine Fréchette, para saxofón, percusión, piano, violonchelo, 11 micrófonos e sonorizador.
Este é o concerto de peche de Musica e Arte. Correspondencias sonoras, un ciclo de diálogo entre a música e a arte do noso tempo inspirado nas exposicións que acolle o CGAC, da man da interpretación de Vertixe Sonora Ensemble. O obxectivo é coñecer de primeira man as estéticas máis avanzadas, os compositores máis relevantes e as perspectivas de desenvolvemento máis interesantes da nova música.
Nesta edición de 2013 ofrecéronse xa os concertos UTOPÍA SONORA arredor da exposición de Miguel Palma Desconforto moderno; así como o dedicado á exposición JAMES WELLING, THE MAN ON FIRE; e mais ETCÉTERA, sobre as mostras de Ricardo Basbaum e Graham Gussin no CGAC, DIAGRAMAS e a devandita CLEARBLUESKYDEEPDARKWATER.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.