
Deseñadores de toda España daranse cita os días 18 e 19 de outubro en Santiago para participar no Foro de Edición e Deseño FEED 2013 que organiza a Asociación Galega de Deseñadores (DAG) co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) será a sede destas dúas xornadas de seminarios, mesas redondas e charlas con representantes de empresas de referencia no ámbito de deseño gráfico, editorial e de produto tanto a nivel galego como internacional.
A colaboración de Cultura e Educación neste encontro profesional materialízase no seu patrocinio a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O seu director, Jacobo Sutil, asistiu hoxe á presentación do FEED 2013 xunto a Marcos Dopico Castro, presidente de DAG, e Raquel Boo, vogal da Asociación e coordinadora da que é segunda edición do evento.
Cita de referencia
Na súa intervención, Sutil gabou o esforzo da organización na procura de converter este foro nunha cita de referencia no noroeste peninsular, así como continuou nunha plataforma para a proxección exterior e social do gran traballo que están a desenvolver na actualidade os deseñadores galegos". O director da Agadic subliñou, ademais, o importante papel deste tipo de foros para fomentar o intercambio de estratexias á hora de posicionarse nun mercado en continuo cambio tanto desde o punto de vista da demanda como dos soportes, pasando polas propias ferramentas de traballo.
O programa deste ano dedicará unha primeira xornada a afondar nas novas tendencias no deseño gráfico e editorial da man de César Ávila, socio fundador do estudio madrileño de deseño e comunicación Gráfica Futura e profesor de Deseño na Universidade Europea de Madrid, quen será o encargado de impartir un dos dous seminarios do FEED 2013. Contarase tamén coas achegas de Uqui Permui, directora do equipo multidisciplinar de Uqui.net; Pancho Lapeña, cofundador de Aduaneiros Sem Fronteiras; Carlos Filgueiras, de Estaleiro Editora; Juan Carlos Pichel, de Eurográficas, e Suso Vázquez, do estudio de deseño gráfico e editorial Desescribir.
Centradas no deseño de produto, as sesións do segundo día de traballo darán comezo cun seminario impartido por Héctor Serrano, quen desde o seu estudio de Londres logrou numerosos recoñecementos internacionais polos seus proxectos, nos que a innovación se mestura coa comunicación de ideas familiares dun xeito pouco usual e inventivo.
Xa durante a tarde celebraranse diferentes charlas e unha mesa redonda nas que tamén participarán representantes de destacadas firmas galegas: Manuel del Río, de Cenlitrosmetrocadrado; Alberto Montiel, de Fruto DS; o arquitecto Luis Gil Pita, de UnDo ReDo, e Patricia Martínez, xerente da empresa de deseño de iluminación Arturo Álvarez; así como a economista Xènia Viladà, da consultoría catalá de xestión do deseño e business design XVDMC.
Profesionais e estudantes
O Foro de Edición e Deseño está aberto á participación tanto de profesionais como de estudantes de calquera disciplina relacionada co deseño, co obxectivo de lles facilitar un marco para a reflexión e o debate ao redor da evolución histórica e a visión de futuro neste sector, identificando necesidades e estratexias de desenvolvemento e investigación.
Os interesados en asistir ás diferentes actividades deste FEED 2013 poden reservar a súa entrada escribindo un correo electrónico a [email protected], indicando a modalidade de asistencia segundo as categorías e prezos que se especifican na web feed.asociaciondag.org, e tendo en conta, ademais, que non se venderán entradas o día do evento. As prazas para cada un dos seminarios limítanse a 20 persoas e para as charlas, á capacidade da sala.
Máis información na web http://feed.asociaciondag.org/
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.