Notas de prensa

Presentouse en Madrid o libro Vida e obra de Emilia Pardo Bazán

Trátase dunha biografía asinada por Inés Alberdi e no acto de presentación na Casa de Galicia en Madrid participaron a senadora socialista Carmen Alborch e as exministras Cristina Alberdi e Rosa Conde.

A Casa de Galicia en Madrid acolleu a presentación de "Vida de Emilia Pardo Bazán", unha biografía sobre a escritora e pensadora coruñesa realizada por Inés Alberdi, catedrática de Socioloxía da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, que foi editada por Eila e forma parte da prestixiosa Colección Biografías, de mulleres ilustres, que promove a Asociación Matritense de Mujeres Universitarias (AMMU), que preside María Luisa Maillard, directora da editorial, doutora en Filoloxía e catedrática do Instituto Beatriz Galindo.

Acompañaron a autora e editora na presentación da obra Carmen Alborch, senadora e exministra de Cultura, e José Ramón Ónega, delegado da Xunta de Galicia en Madrid, quen lles dió a benvida á Casa, que completou o seu aforamento. Entre os numerosos asistentes ao acto estaban o ex gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, e as exministras Cristina Alberdi e Rosa Conde.

Ónega, que se declarou admirador de Pardo Bazán e en especial da súa obra "Os Pazos de Ulloa", apreciou que a condesa galega "creou non só un estilo senón tamén unha forma de ver a sociedade que lle tocou vivir", época e sociedade que, sinalou, foi recreada no seu libro por Alberdi.

Alborch mantivo que a obra de Alberdi transmite valores, que "é un libro sobre a obra, os compromisos e os valores de Pardo Bazán, unha muller apaixonada e apaixonante", da que dixo que tivo unha vida afortunada pero tamén tivo que superar moitas dificultades", que foi "inusualmente libre" e que defendía que o primeiro valor das mulleres debe ser instruírse e, despois, conseguir a independencia polo traballo.

A senadora referiuse, entre outras cousas, á presenza da saúde e a forza da beleza na obra de Pardo Bazán, ao seu cosmopolitismo e a súa visión optimista da vida e mesmo á súa fogosidade, que supuxo tamén nas súas relacións amorosas. En contra da opinión de que foi unha muller contraditoria, Alborch valorou que "non era contraditoria senón complexa" e coherente cos valores de tolerancia, reformismo pedagóxico e loita polos dereitos de igualdade.

Adiantada á súa época

Alberdi falou da satisfacción que tivo afondando na vida da escritora galega e na independencia intelectual, a brillantez literaria, o feminismo tan pioneiro de Pardo Bazán e a súa batalla en favor da educacion das mulleres. "Emilia Pardo Bazán foi unha persoa que achegou moito á cultura española, que fixo esforzos enormes por colaborar á rexeneración de España, que escribiu de política, de cultura, de reformas sociais, e á que se lle riscou e se lle negou o valor do que facía e o que quería facer só por ser muller", afirmou, resaltando que “elixiu unha profesión na que non facía falta ningún título nin acreditación, na que só valía o mérito". "Foi demasiado adiantada para a súa época", subliñou.

"Era moi consciente da animosidade que levantaba coa defensa dos dereitos e da liberdade das mulleres pero non por iso abandonou as súas ideas nin deixou de defendelas en todos os ámbitos", explicou, detallando que “escribía a un ritmo impresionante, quizais porque tiña o ánimo que lle infundían os seus miles de lectores". "Hoy tería sido unha muller de éxito, unha muller normal. Pero naqueles anos non o era".

"As súas pretensións de entrar na Real Academia chocaron moito na época. Nesta cuestión tamén Emilia Pardo Bazán foi unha innovadora. É coñecido o comportamento da Real Academia Española, que por tres veces lle negou a entrada; non por falta de méritos senón por ser muller", recordou. Neste sentido, Alberdi opinou que a Real Academia debería facerlle unha homenaxe de desagravio, a ela e a todas as mulleres ás que non deixou entrar.

Maillard falou dos obxectivos da Colección Biografías que promove a Asociación e que estrea a súa biografía n.º 22 coa figura de Emilia Pardo Bazán. Este proxecto, inserto no ideario da Federación Internacional á que pertence AMMU, pretende mostrar como "dende o momento en que as mulleres accederon á educación, non houbo un terreo do coñecemento no que non destacasen".

Expresou así mesmo a súa satisfacción "porque a figura de dona Emilia estea por fin presente na nosa galería de mulleres, pola súa calidade como escritora, pola liberdade coa que canalizou a súa vida e por ser unha pioneira na defensa do dereito da muller á educación". Ademais, agradeceu a colaboración das socias da entidade e "o traballo da excelente deseñadora e editora, Susi Trillo".

Gabinete de Comunicación da Casa de Galicia en Madrid, 2013-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES