O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, tras o Consello, que a declaración como BIC do patrimonio das antigas caixas permitirá blindar a súa integridade e a máxima protección para as máis de 7.000 pezas que conforman este conxunto artístico. Estamos a falar da colección que pertence á Fundación Novacaixagalicia, da colección que actualmente pertence a Novagalicia Banco e do Fondo bibliográfico e documental desta última entidade. Máis de 7.000 pezas precisou- que inclúen principalmente obras pictóricas, escultóricas, gráficas, fotográficas, entre outras disciplinas, de máis de 1.000 autores galegos.
Nesta liña, Feijóo avanzou que, coa publicación de tres expedientes paralelos no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado, a vindeira semana comezarán oficialmente os trámites. Así, engadiu, podemos dicir que iniciamos desde xa e sen volta atrás o proceso para outorgar a máxima protección legal a todo o patrimonio cultural das antigas caixas de aforro de Galicia.
Segundo concretou, se trata de máis de 5.600 obras que compoñen a colección de arte de Novacaixagalicia; de máis de 1.300 obras da colección de Novagalicia Banco; e dun importante fondo bibliográfico e documental de Novagalicia Banco, formado por diversos incunables e abundantes obras do século XVI e XVII.
O responsable do Goberno galego cualificou o conxunto artístico de único pola calidade das obras e polo alcance simbólico e representativo da evolución da arte galega dos últimos tempos, e que, polo tanto cómpre protexelo. Por ese motivo explicou que a Xunta inicia o procedemento para a declaración de Ben de Interese Cultural, o que permitirá verificar oficialmente con criterios científicos, académicos e técnicos a relevancia coñecida e recoñecida destas coleccións.
Segundo Feijóo, a declaración BIC permitirá acadar catro obxectivos: a obriga de dar conta á Administración de toda xestión, intervención ou actuación sobre os mesmos; o deber de notificar á Xunta toda pretensión de alleamento ou venda, podendo exercer a Xunta o dereito de tanteo ou de retracto; contar cunha base máis sólida para o exercicio das facultades de inspección e compilación de datos; e serve de base certa para o control das exportacións e, no seu caso, para a súa restrición por parte da Administración do Estado.
Por último, esta protección vese reforzada, amais, ao optar pola súa declaración como coleccións, o que determina o seu tratamento conxunto e non fragmentable en todo ou en parte. Isto é, implica preservar as coleccións na súa integridade, precisou o presidente da Xunta.
En definitiva, o titular do Goberno galego explicou que con esta iniciativa, a Xunta dará a máxima protección posible que permite a lexislación de patrimonio cultural de Galicia e de España co obxectivo fundamental de garantir a integridade das coleccións, impedir o seu desmembramento e fomentar o seu disfrute polos cidadáns.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.