Notas de prensa

Preséntase a traducción en ruso da obra Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro

Coincidindo coa celebración do Día Europeo das Linguas, presentouse a versión rusa da obra de Rosalía de Castro, "Cantares gallegos" que conmemora o 150º aniversario da súa publicación. A tradución correu a cargo da profesora Elena Cernova, da Universidade de San Petersburgo.

Con motivo do Día Europeo das Linguas e do 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, a Consellería de Cultura e Educación presentou, no auditorio da Fundación Rosalía de Castro situado na casa-museo da escritora, a tradución ao ruso da obra fundacional do Rexurdimento galego.

O secretario xeral de Política Lingüística representou a Consellería neste acto, onde sinalou a pertinencia da data escollida para dar a coñecer a tradución do texto que marca o inicio da recuperación da lingua e da literatura galegas despois dos chamados Séculos Escuros a un dos idiomas de máis falantes do mundo: o 26 de setembro, Día Europeo das Linguas. Destacou, así mesmo, o papel da Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta na difusión da nosa fala polo mundo e, en concreto, do centro de San Petersburgo, cuxa responsable, Elena Zernova, preparou a tradución.

No acto, o secretario xeral estivo acompañado por Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega e destacado estudoso da obra rosaliana; Manuel González, académico da lingua e director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Elena Zernova, tradutora da obra e directora do Centro de Estudos Galegos (CEG) de San Petersburgo.

Antoloxía da literatura galega en ruso

A tradución de “Cantares gallegos” ao ruso presentada constitúe o tomo XVIII da Antoloxía da literatura galega dirixida por Elena Zernova e publicada polo CEG de San Petersburgo. A dita antoloxía está facendo posible que se difundan en lingua rusa algúns dos textos máis sobranceiros da literatura galega moderna e contemporánea.

Coa aparición do XVIII volume da colección precisamente no ano en que se celebra o 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos”, Rosalía de Castro pasa a ser tamén patrimonio dos lectores rusos e dáse a coñecer nun dos idiomas con máis falantes do mundo, portador dunha extraordinaria e singularísima tradición literaria.

Día Europeo das Linguas

O 26 de setembro celébrase, por iniciativa do Consello de Europa, o Día Europeo das Linguas, baixo os obxectivos de concienciar da riqueza da variedade lingüística de Europa, que debe ser reforzada, e de fomentar o plurilingüismo ampliando a variedade de linguas que se aprenden, de xeito que estes non queden limitados aos idiomas máis falados, coma o inglés ou o chinés.

A Xunta de Galicia uniuse a esta celebración, ademais de con este acto, coa presentación dunha nova edición do programa de dinamización da lingua galega “Os Axóuxeres” e mais coa difusión de traballos realizados polos equipos de dinamización da lingua galega dos colexios e institutos para conmemorar esta data desde o web www.xunta.es/linguagalega.

Rede de Centros de Estudos Galegos

O CEG de San Petersburgo forma parte da Rede de Centros de Estudos Galegos que a Xunta de Galicia mantén en universidades de varios continentes para difundir a lingua e a cultura galegas polo mundo.

A creación dos centros de estudos galegos enmárcase desde o punto de vista normativo na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que establece desenvolvemento das accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. Así mesmo, responde a un dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega fixados no ámbito da proxección exterior que incide en “consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades en que xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O festival desenvolverase no adro da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. O primeiro en ocupar o escenario será o rimador de Muros 9Louro, talento emerxente que segue a pegada doutros coñecidos grupos muradáns, como The Rapants ou Capital Voskov. Este mesmo ano lanzou o seu primeiro traballo discográfico, Nove noves, cunha variada mestura de funk, bachata, reguetón, trap e pop. A continuación, será a quenda da viguesa de ascendencia brasileira Lua de Santana.
Foto de la tercera plana (union-europea.jpg) O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción, onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións. No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión.

Notas

Este sábado 21 de xuño, a 32 Bienal de Arte de Pontevedra celebrará a súa xornada inaugural, na que abrirán as súas portas os diferentes espazos expositivos do evento, entre os que se atopa a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Mais a programación da bienal arrancou xa con actividades como o obradoiro que este xoves e venres imparte na Facultade de Belas Artes a filósofa Elodie Moreau.
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a entrega dos galardóns da VII Edición dos Premios Isabel Zendal, o concurso que ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional, unha ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre a xuventude.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES