Notas de prensa

Os ciclos Fóra de Serie e Off Galicia abren a nova programación do CGAI

A programación de outono do CGAI inclúe, tamén, un ciclo sobre o director ruso Andréi Konchalovsky, do que se proxectan 10 títulos entre o 25 de setembro e o 11 de outubro. A turca "Ërase una vez en Anatolia" abre o Fóra de Serie.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve ata finais de outubro a nova programación bimensual do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), que esta semana inaugura un ciclo especial sobre o recoñecido director ruso Andréi Konchalovsky, ao tempo que retoma dúas das súas seccións habituais: Fóra de Serie, dedicada á estrea de filmes internacionais afastados dos circuítos de exhibición comercial, e Off Galicia, a través da que se busca dar visibilidade á nova creación cinematográfica galega.

Tras acoller cinco días de sesións do festival Freakmacine, serán un total de 45 as proxeccións audiovisuais que terán lugar a partir de mañá e ata o vindeiro 31 de outubro na sala coruñesa do CGAI no marco desta carteleira, que inclúe así mesmo as novas entregas dos ciclos Desencadres e CGAI Júnior.

O moscovita Andréi Konchalovsky, un dos máis destacados cineastas do seu país e cunha ampla produción nos Estados Unidos, protagonizará cinco das citas desta semana, durante a que se poderán ver –en versión orixinal subtitulada en castelán– os seus filmes El primer maestro (mércores 25, ás 18.00 h), The Story of Asya Klyachina… (mércores 25, ás 20.30 h), Nido de nobles (xoves 26, ás 18.00 h), Tío Vania (xoves 26, ás 20.30 h) e Siberiada (venres 27, ás 18.00 h). Este ciclo completarase nas seguintes semanas con outras cinco fitas deste polifacético e prolífico realizador: Los amantes de María, El tren del infierno, Vidas distantes, El círculo del poder e The Gloss.

Riqueza de temáticas

Pola súa banda, a sección Fóra de Serie inicia mañá martes 24 unha nova temporada coa estrea, ás 20.00 horas, da road-movie turca Érase una vez en Anatolia, do director Nuri Bilge Ceylan. Esta nova entrega presentará en Galicia outros significativos títulos internacionais, de temáticas e formatos ben diferentes: desde a exploración das loitas políticas arxentinas de El estudiante de Santiago Mitre á emotiva análise dunha longa relación homosexual de Keep the Lights On de Ira Sachs, pasando por unha fita documental –protagonizada por asasinos reais– que explora o horror da historia contemporánea de Indonesia (The Act of Killing). Tamén hai espazo nesta carteleira para nomes ben coñecidos polos espectadores do CGAI como o coreano Hong Sangsoo, do que se ofrecen tres filmes e unha estrea (En otro país), o francés Philippe Garrel (Un verano ardiente) ou figuras emerxentes como o mozo canadense Xavier Dolan (Laurence Anyways) e o español Jorge Tur (Dime quién era Sanchicorrota).

Fóra de Serie proxectará, ademais, un par de relevantes obras restauradas: unha delas feita polo historiador Luciano Berriatúa para a Filmoteca Española sobre a peza mestra de Orson Welles Chimes at Midnight / Campanadas a medianoche (1965) e a outra realizada pola Filmoteca Española e a Cinémathèque Française, coa colaboración de Filmoteca de Catalunya, sobre o negativo de Les Deux Mémoires / Las dos memorias (1974), achegamento documental do literato, guionista e político Jorge Semprún (1923-2011) á Guerra Civil española.

Off Galicia é outro dos ciclos que o CGAI retoma durante esta semana, neste caso da man do director Alexandre Argibai, que presentará este sábado 28 a partir das 18.00 horas os seus traballos Apocalypse e Xtreaming. Esta sección, dedicada á nova creación cinematográfica galega, continuará nos dous seguintes sábados coas proxeccións, respectivamente, de A fazaña da liberdade de Seném Outeiro e Lei natural de Segundo Grandío, en ambos os casos coa presenza dos seus directores.

Visita de JP Sniadecki

Esta programación bimensual, na que tamén hai lugar para os espectadores máis novos coa película de animación La princesa Mononoke de Miyazaki dentro da sección CGAI Júnior, ofrecerá a partir do 15 de outubro o ciclo Desencadres. Neste apartado, contarase coa presenza do cineasta norteamericano John Paul Sniadecki para presentar e comentar senllas filmacións chinesas: Yumen e Peoples’s Park. Estes Desencadres tamén porán o foco sobre tres filmes nos que as casas, así como outros tipos de edificacións, son protagonistas indiscutibles: La casa de Emak Bakia de Óscar Alegría, Reconversão de Thom Andersen e Stemple Pass de James Benning.

O calendario detallado coas datas e horarios das diferentes sesións, así como a información sobre prezos e venda de entradas, está dispoñible para a súa consulta na páxina web www.cgai.org.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O festival desenvolverase no adro da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. O primeiro en ocupar o escenario será o rimador de Muros 9Louro, talento emerxente que segue a pegada doutros coñecidos grupos muradáns, como The Rapants ou Capital Voskov. Este mesmo ano lanzou o seu primeiro traballo discográfico, Nove noves, cunha variada mestura de funk, bachata, reguetón, trap e pop. A continuación, será a quenda da viguesa de ascendencia brasileira Lua de Santana.
Foto de la tercera plana (union-europea.jpg) O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción, onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións. No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión.

Notas

Este sábado 21 de xuño, a 32 Bienal de Arte de Pontevedra celebrará a súa xornada inaugural, na que abrirán as súas portas os diferentes espazos expositivos do evento, entre os que se atopa a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Mais a programación da bienal arrancou xa con actividades como o obradoiro que este xoves e venres imparte na Facultade de Belas Artes a filósofa Elodie Moreau.
A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a entrega dos galardóns da VII Edición dos Premios Isabel Zendal, o concurso que ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional, unha ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre a xuventude.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES