Notas de prensa

Lola Ramírez presenta Mi relativo tío Camilo José Cela. Verdades y mentiras

A xornalista coruñesa Lola Ramírez presentou na Casa de Galicia en Madrid o libro sobre o Premio Nobel de Literatura, Camilo José Cela, e ante a asistencia da irmá do escritor, Maruxa Cela Trulock. Un libro calificado como íntimo e revelador de sentimentos agochados nas cartas escritas á súa primeira muller.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, acolleu a presentación do libro "Mi relativo tío Camilo José Cela. Verdades y mentiras", do que é autora a xornalista coruñesa Lola Ramírez. Participaron na presentación, ademais da autora, José Manuel Rodríguez Gutiérrez, presidente da Sociedade Filatélica de Madrid e académico de número da Real Academia Hispánica de Filatelia, o director xeral da editorial Bubok, Sergio Mejías, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez. Entre o numeroso público que acudiu ao acto, enchendo o aforamento da sala, achábase a irmá do escritor, Maruxa Cela Trulock, e xornalistas como Maribel Escalona, que dirixiu varias publicacións.

Jiménez expresou a satisfacción que para a Casa supón "servir de marco para a presentación deste libro tan íntimo sobre o ilustre Nobel padronés, que en diversas ocasións nos honrou coa súa presenza, como na presentación dos cursos de verán da súa Fundación de Iria Flavia, e tamén na inauguración desta sede, para a que escribiu o discurso inaugural".

José Manuel Rodríguez Gutiérrez, presidente da Sociedade Filatélica de Madrid, afirmou que cando lle pediron que presentase o libro "Mi relativo tío Camilo José Cela. Verdades y mentiras", a súa intención foi aproveitar a ocasión para resaltar un aspecto pouco coñecido do noso premio Nobel: a súa calidade de carteiro honorario. Rodríguez Gutiérrez destacou que entre os moitos méritos que fixeron a Cela acredor a este nomeamento "son os seus múltiples traballos sobre correos", dos que "unha parte moi considerable está relacionada coa xeografía postal".

Como exemplo fixo alusión aos seus libros de viaxes aos que cualificou como "belas leccións de xeografía postal". Tamén falou da obra máis importante relacionada co correo, o Dicionario Xeográfico Popular de España, do que en 1998 se publicou o Tomo I. Na recollida de datos tiveron unha colaboración decisiva todos os carteiros en servizo activo naquelas datas, agora compañeiros de escala de don Camilo José Cela".

E, falando da importante misión que levaron a cabo os funcionarios de correos, Lola Ramírez, a autora de "Mi relativo tío Camilo José Cela. Verdades y mentiras", afirmou que ela chegara a un coñecemento íntimo e persoal do autor de “La familia de Pascual Duarte”, precisamente a través da lectura da correspondencia persoal do destacado e célebre carteiro honorario. Foi a través das cartas que Cela lle escribiu a moitos dos seus amigos, e sobre todo, as dirixidas á súa primeira esposa, Charo Conde Picavea, onde Ramírez descubriu as facetas máis íntimas e persoais dun home educado para ocultar os seus sentimentos ante a indiscreta e curiosa mirada allea.

Tamén dunha carta escrita por Cela, neste caso á autora do libro, con quen compartía parentesco, xurdiu a primeira parte do título, pois o asinoulle a misiva coa fórmula "o teu relativo tío, Camilo José Cela". Ramírez dixo que dedica o libro a Charo Conde porque "no seu día ela foi o grande amor de Camilo José Cela".

Pola súa banda, Sergio Mejías, director xeral de Bubok, fixo fincapé na interesante oportunidade que, nestes tempos de crise, ofrecen as editoriais de impresión baixo demanda aos autores noveis.

Gabinete de Comunicación da Casa de Galicia en Madrid, 2013-09-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES