
O Consello da Xunta vén de declarar Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, o Convento franciscano de Santo Antonio de Herbón, no termo municipal de Padrón. Esta medida da a máxima protección para esta mostra excepcional da arquitectura relixiosa en Galicia, á vez que atende ás peticións do propio Concello de Padrón e da comunidade veciñal, que solicitaban a compatibilidade coa actividade agraria, en especial co cultivo do pemento de Herbón, dentro do ámbito de protección do ben, sempre que se manteña a estrutura territorial e as características xerais da paisaxe cultural do ámbito, fundamentalmente agraria. Deste xeito, compatibilizarase a protección como BIC co respecto á economía agraria local.
O ámbito de protección do BIC estenderase ao outro lado do río Ulla, incluíndo o bosque autóctona tradicional que rodea o convento. Ademais, a maiores do conxunto de elementos que compoñen o complexo conventual de San Antonio de Herbón, a franxa incluirá tamén a Igrexa de Santa María de Herbón, que xa en si mesma está declarada como Ben de Interese Cultural. O obxectivo é elaborar un contorno homoxéneo que garanta a preservación deste espazo e a súa contemplación, tanto desde o propio ben como desde os puntos de vista próximos. Na imaxe anexa detállase o perímetro do mesmo.
Respecto ás demandas dos veciños e ao uso do solo, na demarcación do ámbito de protección, tívose especial coidado en establecer límites obxectivamente recoñecibles, sempre que iso fose posible, trazándose a liña perimetral do contorno sobre camiños e lindes de parcelas. En calquera caso, permitirase a implantación de invernadoiros con destino exclusivo ao uso agrario que se instalen con materiais lixeiros e facilmente desmontables en todo o ámbito afectado pola declaración de ben de interese cultural. A súa tipoloxía, condicións de deseño e dimensións, deberá ser congruente coas características do contorno e alterar o mínimo posible o carácter paisaxístico da zona; e non poderán impedir a contemplación do conxunto protexido.
Elementos de gran valor patrimonial
Coa declaración de Convento de San Antonio de Herbón como BIC, a Consellería de Cultura e Educación recoñece o importante valor patrimonial deste convento, que conta con elementos de gran valor cultural, merecedores da máxima protección. Neste sentido salientan tanto o adro - coa estatua de San Francisco- como o claustro, cruceiro, patio e o coñecido como pavillón do cardeal, en honra do arcebispo Martín Herrera. A sancristía barroca do convento, construída no ano 1730, está tamén considerada como unha obra meritoria da arquitectura conventual galega, un valor compartido coa imaxinería - na súa meirande parte traballos de Xosé Gambino e Xosé Ferreiro-, o conxunto de retablos, o cadeirado dos freires o órgano do templo, e outras pezas como un cadro da virxe de Guadalupe realizado en México en torno ao ano 1734.
Ademais da importancia histórica do inmoble froito da súa propia natureza, morfoloxía e devir histórico e da relevancia artística dos bens mobles e accesorios que forman parte integrante del, cómpre mencionar que na horta conventual conviven espazos destinados á produción hortofrotícola con outros elementos ornamentais que inciden no valor ambiental do lugar. Así, xunto á celebre palmeira de Palestina- traída, segundo di a tradición, dende Xerusalén no século XV por un freire, ou, segundo algúns, polo trobador Xoán Rodríguez de Padrón -, e o estanque e a fonte de San Francisco, alternan xardíns, prados, viñedos ou froiteiras, e toda una variada mostra de produtos procedentes dos máis variados lugares. Non en balde, o convento serviu, na súa época de dedicación como colexio de misioneiros, como entrada de plantacións importadas de ultramar, tales como patacas e pementos, que unha vez adaptados a este territorio, se incorporaron á tradición popular.
Fotogtafía: http://www.turgalicia.es
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.