Notas de prensa

A cultura labrega centra a reapertura do ciclo Nexos na Cidade da Cultura de Galicia

O 5 de outubro recupérase no complexo do Monte Gaiás o ciclo "Nexos" cunha primeira nova sesión adicada á cultura labrega en Galicia, protagonizada pola poeta Olga Novo, o economista Xoán López Facal e o contacontos Celso Sanmartín.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria retoma o 5 de outubro no Gaiás o ciclo Nexos. A cultura contemporánea a través das letras, co que se busca establecer un diálogo entre literatura e outras áreas do coñecemento. Nesta ocasión, o título da sesión é O longo devalo da cultura labrega. Da memoria viva ás previsión de futuro, para a que xa é posible inscribirse en www.cidadedacultura.org totalmente de balde.

Herdeiro de Galicia, Ceo das letras, ciclo que estreou con éxito a programación cultural do Gaiás e que durante dous anos festexou aos nosos máis grandes autores, Nexos busca ir un paso máis alá, abríndose a outras disciplinas pero tomando a literatura como eido condutor. O poeta Uxío Novoneyra será o fío condutor desta cuarta sesión que terá lugar o sábado 5 de outubro no Centro de Innovación Cultural a partir das 12:00 horas.

O longo devalo da cultura labrega. Da memoria viva ás previsións de futuro a abordará a rica, mesta e peculiar antropoloxía formada ao longo do tempo no noso rural como consecuencia da estreita relación entre o ser humano e a terra. E de como o proceso de modernización do país supuxo o paulatino abandono do agro en favor das vilas e cidades, e a substitución daquela cosmovisión tradicional por outros coñecementos imaxinarios.

Da man da poeta, ensaísta e profesora de galego Olga Novo; e do enxeñeiro industrial, economista e un dos intelectuais galegos de referencia, Xoán López Facal; abordarase canto daquel mundo subsiste, e desde un ángulo máis técnico ou científico, o que lle agarda ao noso agro no futuro inmediato.

Como en todas as sesións de Nexos, os relatorios darán pé a unha intervención artística, nesta ocasión en forma de contacontos. O responsable de poñerlle o broche final a este regreso de Nexos ao Gaiás será Celso F. Sanmartín, poeta e un dos narradores galegos con maior raizame na cultura labrega, que fiará un feixe de historias tenras e trastes que nos evocan á aldea no tempo dos noso avós.

Sesión infantil paralela: ler-facer-falar

Nexos conta cunha sección infantil dirixida a nenos de Primaria (de 5 a 12 anos), aos que introducir na relación entre a literatura e os diferentes aspectos da vida, transmitindo a idea de que a través dos libros e da expresión artística podemos entender a realidade, transformala e mellorala.

Nesta ocasión, os rapaces poderán aproximarse á vida de Uxío Novoneyra e coñecer máis sobre a tradición oral a través dunha sesión artellada nunha triple fórmula: ler (na que os nenos farán unha aproximación aos libros a través dunha lectura colectiva ou contacontos), facer (actividades lúdicas nas que aprender divertíndose) e falar (extracción de conclusións e debate e intercambio de ideas no ámbito familiar).

Inscrición de balde

Ao igual que o resto do ciclo, a entrada é totalmente de balde máis é preciso reservar praza a través da web. A inscrición para ambas as dúas sesións –adulta e infantil- permanece aberta en www.cidadedacultura.org a partir de hoxe mesmo e ata que se esgote o número de prazas.

Clausura con humor o 9 de novembro

Nexos pechará a que foi a súa primeira edición na Cidade da Cultura o sábado 9 de novembro cunha sesión dedicada ao humor. Contra a solemnidade. O humor disolvente na literatura contará co relatorio dun dos referentes da literatura española actual: Eduardo Mendoza, que estará acompañado do escritor, poeta, ensaísta e tradutor galego, Gonzalo Navaza.

A nota de humor correrá a cargo da actuación do grupo teatral Los Torreznos, dúo expoñente do teatro experimental, tamén chamado ‘arte de acción’, que presentará a súa peza La Cultura. A inscrición para esta última sesión abrirase o luns 7 de outubro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-09-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES