A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra a boa acollida da exposición Arte e ritual na Catedral de Santiago, do fotógrafo coruñés Luis Gabú, que pechou as súas portas no Museo Nacional de Antropología, en Madrid, tras recibir un total de 11.953 visitantes desde o pasado 6 de xuño.
A exposición, composta por 20 instantáneas sobre o Xacobeo e as peregrinacións a Santiago de Compostela tomadas ao longo do ano 2010 foi organizada pola Consellería de Cultura, Educacion e Ordenación Universitaria xunto co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, a través do Museo Nacional de Antropología.
Impulso do Camiño de Santiago
Con este traballo, o recoñecido artista galego Luis Gabú afondou no aspecto antropolóxico do Camiño de Santiago, achegando a súa visión persoal dun feito de arraigada tradición na cultura europea que sobreviviu ao paso dos séculos. Este creador, que vai máis alá dos límites do noso territorio, ofreceu unha mirada particular do Camiño chea de connotacións antropolóxicas cunha evidente carga poética. Nas súas imaxes recóllese o mundo da espiritualidade, un aspecto xa reflectido anteriormente noutras das súas obras sobre terras e culturas dos diversos continentes que adquire especial importancia no mundo intimista e relixioso da peregrinación.
Por medio desta exposición, a Consellería de Cultura e Educación puxo en valor unha vez máis a necesidade de levar o Camiño de Santiago a terreos coma o artístico, continuando co seu labor de promoción desta tradición cultural de relevancia internacional cando están a piques de celebrarse os 800 anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.