Notas de prensa

Els Joglars e Norma Aleandro actuarán no Teatro Colón

O Teatro Colón ten preparado de aquí a fin de ano unha oferta teatral de máxima calidade con obras como El Coloquio de los perros de Els Joglars, a Master Class con Norma Aleandro como protagonista ou a Yerma interpretada por Silvia Marsó e coproducida polo Centro Dramático Nacional.

Destacan ademais as propostas galegas de Espello Cóncavo cunha versión de Anxeliños de Roberto Vidal Bolaño e Gaivotas Subterráneas, coprodución entre RTA, Talía Teatro e Voz Audiovisual, interpretada por Xabier Deive e Luis Iglesias.

O sábado 21 de setembro volve ao Teatro Colón Yerma, espectáculo que se cancelara en novembro do 2012 por mor da folga xeral. Interpretada por Silvia Marsó e coproducida polo Centro Dramático Nacional a montaxe foi o penúltimo traballo do recentemente falecido Miguel Narros. O director, que é un dos nomes clave do teatro español do século XX, pon en escena unha Yerma austera e sobria na que permanece a verdade dun dos textos con máis forza de García Lorca.

Els Joglars volve ao universo cervantino coa colaboración de Boadella

O sábado 12 de outubro unha das compañías máis prestixiosas do panorama teatral español presenta El Coloquio de los Perros, unha coprodución de Els Joglars e a Compañía Nacional de Teatro Clásico. Esta versión do texto de Cervantes supón a primeira incursión na dirección de Ramón Fontseré, tras a marcha da compañía de Albert Boadella, nunha montaxe da que a crítica dixo ‘cuenta con una dirección perfecta’, ‘encarnan a la perfección esta forma de afrontar la vida y el teatro’, ‘es una reflexión vivaz y honda sobre la condición humana’.

A obra conta coa colaboración de Boadella na concepción da dramaturxia e é a terceira incursión que Els Joglars fan no universo de Cervantes, un autor co que a compañía se identifica xa que, en palabras de Ramón Fontseré, ‘arroja luz sobre las falsedades del mundo, y eso hace que conectemos con el’.

Outro dos pratos fortes da programación teatral será a montaxe Master Class interpretada pola arxentina Norma Aleandro. A actriz, protagonista de películas imprescindibles como El Hijo de la Novia (2001) ou La Historia Oficial (1985) e recoñecida como a gran dama do teatro arxentino, engaiola coa súa interpretación deste texto de Terrence Mc Nally no que da vida a unha María Callas retirada dos escenarios.

Master Class repasa a vida da soprano grega e inclúe un monólogo final sobre o sacrificio dos artistas que lle valeu a Aleandro un premio ACE á mellor actriz en 1996, ano no que a obra se estreou por primeira vez en Arxentina. A montaxe retomouse en marzo de 2012 e o venres 1 e sábado 2 de novembro poderá verse no Teatro Colón de A Coruña dentro da súa xira por España.

Propostas galegas

A programación teatral do Colón para o último cuadrimestre do ano inclúe dúas propostas galegas. O sábado 14 de setembro a compañía Espello Cóncavo pon en escena Anxeliños, unha das obras máis escuras de Roberto Vidal Bolaño, imprescindible do teatro galego ao que neste ano 2013 se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

O venres 18 e o sábado 19 de outubro os actores Luis Iglesias e Xabier Deive interpretan un man a man sobre as táboas en Gaivotas Subterráneas. Unha coprodución entre RTA, Talía Teatro e Voz Audiovisual que recrea unha inquietante atmosfera arredor da relación de dous vellos amigos. Artur Trillo dirixe este texto de Arturo Vallejo e dispón á perfección un ambiente de intriga e misterio que consegue manter o suspense durante toda a función.

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No kiosko da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.

Teatro Colón, 2013-08-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES