Notas de prensa

Basilio Losada ofrece parte da súa colección bibliográfica para ser incorporada á Biblioteca de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo un encontro co profesor emérito da Universitat de Barcelona Basilio Losada, onde se ofreceu a ampliar os fondos da Biblioteca de Galicia con aproximadamente 4.000 volumes da súa colección. Na reunión, na que tamén estivo presente o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, Losada puxo a dispor da Biblioteca de Galicia os seus fondos bibliográficos.

Así, entre estes libros atópase unha colección de poesía, principalmente en castelán; así como literatura portuguesa e crítica literaria sobre obras portuguesas, e obras sobre as cidades do mundo que o propio Basilio Losada visitou, e un fondo de novidades en lingua galega desde 2001 ata a actualidade. Unha ampla oferta que, pendente de ser inventariado e catalogado, continuaría a incrementar os fondos da Biblioteca de Galicia, e que tal e como sinalou Losada: “O meu desexo é que queden en Galicia, e que quero cedelos gratuitamente á Biblioteca de Galicia, para así devolver a esta terra todo o que fixo por min”.

Basilio Losada

Basilio Losada, licenciado en Filosofía e Letras, e con estudos de Dereito, foi profesor de español no Knok College, así como universidades de Illinois e California desde 1971, e desde o 1990 do no Bretheren College Abroad e do Darmouth College. Cómpre destacar que en 1986 foi o primeiro catedrático en Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona. Xubilado desde hai trece anos continúa impartindo clases nos programas de diversas universidades estadounidenses na UB e desde o 1998 dirixe cursos en institucións como o Ateneu Barcelonès e na Fundació “A Caixa”.

Na súa bibliografía atópanse numerosos estudios críticos sobre a literatura galega, portuguesa e brasileira, así como a tradución a sete idiomas de 150 libros asinados por autores como Jorge Amado, Saramago, Rosalía de Castro, Pere Gimferrer... Tamén colaborou na realización da “Gran enciclopedia catalana”, “Gran enciclopedia gallega”, e “Gran enciclopedia del mundo” de Durvan. Ademais publicou antoloxías poéticas, e prologa gran cantidade de obras de creación e sobre literatura.

Xunto a todo isto cómpre recordar que aos 70 anos publicou o seu primeiro traballo de ficción, a novela "La peregrina", ambientada na Idade Media, período no que é un grande experto, e da que a tradución italiana foi levada a cabo por Giuseppe Tavani.

Os fondos de Losada na Biblioteca de Galicia

En 2001 a Biblioteca de Galicia xa adquiriu parte dos fondos bibliográficos de Basilio Losada, que conforman unha destacada colección na que están títulos fundamentais da literatura galega, especialmente do século XX, así como as diferentes edicións dos mesmos.

Esta biblioteca conta con 9.363 títulos e 11.157 volumes de libros e folletos. Á colección de libros engádense as publicacións periódicas. Un total de 157 títulos de publicacións periódicas que suman 1.355 números. A maior parte das obras están escritas en galego, aínda que conta cunha boa representación de obras en castelán de autores galegos. Entre estes tamén hai edicións de obras galegas publicadas en América, e edicións de autores galegos emigrados ou exiliados en América, desde onde escribiron importantes obras para a literatura e para o libro galego en xeral.

Recoñecementos

Basilio Losada recibiu numerosos premios e distincións como o Nacional de tradución por Memorial do convento, de José Saramago; a Creu de Sant Jordi, da Generalitat de Cataluña; a Ordem do Infante Dom Henrique, que outorga o goberno portugués; a Ordem do Cruzeiro do Sul, de Brasil; e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, 2013-08-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES