Notas de prensa

Aberto o prazo para as candidaturas aos Premios da Cultura Galega 2013

Como publica o Diario Oficial de Galicia, a nova edición dos premios da Cultura Galega incorpora unha modalidade dedicada á lingua, en recoñecemento ao labor a prol da valoración e da extensión do uso do galego.

O Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre o prazo de presentación das candidaturas para participar nos Premios da Cultura Galega 2013, unha edición marcada pola incorporación dunha nova modalidade dedicada á lingua, en recoñecemento do labor a prol da valoración e da extensión do uso do galego, como recolle hoxe o ‘Diario Oficial de Galicia’ (DOG).

O obxectivo destes galardóns é pór en valor e darlle visibilidade ao traballo desenvolvido en beneficio da cultura galega nos ámbitos da música, das artes escénicas, do audiovisual, do patrimonio cultural, da proxección exterior e, a partir desta edición, tamén da lingua.

As asociacións e institucións de Galicia teñen desde hoxe un prazo de dous meses para presentar as candidaturas daquelas persoas e entidades que se consideren con méritos suficientes, de forma argumentada e probada, para seren distinguidas en cada unha das modalidades. Así, a concesión destes premios será un acto de agradecemento colectivo ao labor creativo e ao esforzo polo desenvolvemento cultural de Galicia que realizan día tras día artistas, profesionais, entidades e agrupacións sociais, dentro e fóra das nosas fronteiras.

Para a concesión destes premios constituirase un xurado formado por un total de 10 membros e presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que contará con representantes das principais institucións de Galicia e profesionais do sector.

Nova modalidade

O uso e a valoración social do idioma propio de Galicia estará premiado nesta convocatoria dos Premios da Cultura Galega 2013, converténdose na principal novidade desta edición. Así, o Premio da Cultura Galega de Lingua recoñecerá o traballo a favor da valoración e extensión do uso da lingua galega.
.
No caso dos Premios á Cultura Galega de Letras, de Artes Plásticas, de Artes Escénicas, e de Audiovisual, valoraranse os méritos especiais no que atinxe ao desenvolvemento de recursos expresivos, investigación de linguaxes propias, innovación no plano creativo, creacións de código de intercambio con outras sociedades e outros aspectos que contribúan a fortalecer e ampliar o sistema literario galego, a creación plástica galega, as artes escénicas da nosa terra, e a creación audiovisual galega –respectivamente– e a súa imaxe pública.

Para o Premio de Patrimonio Cultural terase en conta a traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación e difusión da nosa riqueza cultural. Por outra banda, o Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia, recoñecerá a traxectoria vinculada á difusión cultural da comunidade no exterior, que contribúa a proxectar dentro e fóra do territorio galego, a riqueza e valor da cultura galega en calquera campo e a través de calquera medio convencional ou virtual.

A modalidade de Música valorará especialmente a achega para reforzar a imaxe desta arte como creadora dunha linguaxe galega de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais.

Candidaturas

As candidaturas poderán ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio, aínda que os candidatos non poderán postularse a si mesmos. En cada unha das modalidades concederase un único premio, que consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

Promover a excelencia

Con esta nova convocatoria, a Xunta de Galicia recoñece a excelencia nos diversos ámbitos da cultura, desde as letras ás artes plásticas, a música, a lingua, o patrimonio, as artes escénicas, o audiovisual e a súa expansión no mundo, o que constitúe unha mostra do mellor da vitalidade cultural de Galicia na actualidade. Desta maneira, estes galardóns contribúen a proxectar e darlle visibilidade ao traballo realizado en prol da cultura galega de persoas e entidades que se consideren con méritos abondos para contaren con esta distinción en cada unha das modalidades.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES