Notas de prensa

A Asociación da Prensa da Coruña cede fondos á Biblioteca de Galicia

As instalacións da Cidade da Cultura acollen unha colección de máis de mil cincocentos volumes de exemplares de “La Voz de Galicia”, “El ideal gallego” e “La hoja del lunes” cedidos pola Asociación da Prensa da Coruña (APC).

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, que conta co arquivo correspondente aos fondos da Asociación da Prensa da Coruña (APC). Trátase duna colección de 1588 volumes dos xornais “La voz de Galicia”, “El Ideal Gallego”, correspondentes aos anos entre 1961 e 2009, e que se continúan editando diariamente. Por outra banda tamén se inclúen fondos correspondentes a “La Hoja del Lunes”, ata o seu peche no ano 1983.

Cómpre destacar que os citados volumes se atopan en perfecto estado de conservación e todos eles están encadernados. Estes fondos permiten ampliar e completar as coleccións coas que contaba a propia Biblioteca de Galicia, ao tempo que se poñen a disposición de todos aqueles interesados en consultar ditos documentos.

Novos fondos documentais

Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e polo presidente da APC, Manuel González, así como o resto da directiva da entidade herculina.

Cómpre recordar que a Biblioteca de Galicia é un órgano de difusión da cultura galega e un espazo de conservación para todos os exemplares que se publican e se teñen publicados en Galicia. Deste xeito este espazo completa agora a súa oferta documental cos fondos procedentes da APC.

A Biblioteca de Galicia ten estas coleccións de xornais cedidas pola APC en depósito, conservación e tratamento, e mesmo a dixitalización nos casos nos que a Lei de propiedade intelectual ou o permiso dos detentadores da mesma o permita. Uns fondos xa se atopan a disposición do público xeral para a súa consulta.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-07-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES