
O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle o mércores 22, ás 20.30 horas, a representación da versión do clásico de Molière O médico á forza a cargo de Valacar, grupo galego de teatro da ONCE (Organización Nacional de Ciegos Españoles). Esta actuación insírese na nova programación que o espazo compostelán desenvolve ata finais de xuño, dentro da que terán lugar outras 17 citas co teatro, a música e o audiovisual galegos.
Valacar, primeira compañía de teatro de invidentes creada en Galicia e unha das pioneiras en España, protagoniza ademais a primeira das cinco propostas integradoras e solidarias á que o Centro Dramático Galego (CDG) cede o seu espazo dentro desta carteleira. Con máis de 20 anos de traxectoria, esta formación dedícase a impulsar a integración na sociedade das persoas cegas a través das artes escénicas e a formar actores e actrices con e sen discapacidade visual a través dos seus obradoiros. Na actualidade, é un dos grupos artísticos da Asociación Cultural de Cegos e Deficientes Visuais da Coruña, patrocinado integramente pola ONCE.
Entrada libre
No Salón Teatro ofrecerá unha función, de entrada gratuíta, de O médico á forza, con adaptación e dirección de Arturo López, que chega a Santiago despois de participar na XIV Bienal de Teatro da ONCE na localidade catalá de Terrasa. Nesta ocasión, Arturo López responsable da compañía profesional Espello Cóncavo tamén forma parte do elenco interpretativo xunto a Marisé Vidal, Antonio Rumbo Vidal, Felipe Cotelo, Héctor Fraga Sánchez, Luz Míguez Baldomir, Yésica Val e Anxo Meis. Ademais, Rodrigo Roel colabora con Valacar no deseño da escenografía e do atrezzo deste espectáculo, que conta así mesmo co vestiario cedido por Teatro Galileo e polo CDG.
Esta programación solidaria continuará o xoves 30 de maio coa Homenaxe a Bertolt Brech, dirixida a recadar fondos para o programa contra a crise da Cruz Vermella en Galicia. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, será o encargado de presentar esta gala organizada polo Teatro Lope de Vigo en colaboración coa Asociación de Alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, o Conservatorio Superior de Música de Vigo, Lambriaca Producións e a Asociación de Usuarios de Bancos, Cajas y Seguros (Adicae). As actuacións, arredor de diferentes textos de Bertolt Brecht, darán comezo ás 20.30 horas e as entradas poderán adquirirse desde dúas horas antes no despacho de billetes do teatro a un prezo de 3 euros.
O Salón Teatro acollerá tamén a posta en escena de Bodas de sangre, de Federico García Lorca, polo grupo de teatro da Fundación Down Compostela o sábado 8 de xuño, así como doutra versión de O médico á forza, de Molière, a cargo do grupo do Hospital Psiquiátrico de Conxo. A entrada é de balde para ambas as representacións, que terán lugar ás 20.00 horas. Ademais, a Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (Abagal) organiza o sábado 22 de xuño, a partir das 19.00 horas, a súa VII Gala Benéfica da Diversidade, para a que se habilitará unha fila cero xunto coa venda de localidades a un prezo único de 6 euros.
Estreas audiovisuais
O audiovisual ten unha destacada presenza nesta nova programación do espazo da Consellería de Cultura e Educación, onde se celebrarán as estreas de tres novos traballos. O xoves 23 de maio, ás 20.30 h, exhibirase Shoots from Abissinia, longametraxe documental dirixida por Ovidio Fernández e rodada no norte de Etiopía. O filme está protagonizado por Abdul, un rapaz de 15 anos que vive en Galicia, e regresa á súa terra despois de catro anos en Europa. No Salón Teatro proxectaranse, así mesmo, as curtametraxes Flores para Amalia (venres 7 de xuño, ás 21.00 h), dirixida por Nani Martos, e La carne cruda (venres 21 de xuño, ás 21.00 h), con Samuel Lema na dirección. A entrada é gratuíta nos tres casos.
O escenario compostelán colabora tamén co Festival de Cine e Televisión Camiño de Santiago, como unha das sedes de exhibición da primeira edición deste certame, que se desenvolverá do 3 ao 7 de xuño.
Teatro infantil e contemporáneo
Este novo período de programación inclúe outras catro propostas galegas de escena e de música. O venres 24 de maio ofreceranse dous pases, ás 18.30 e ás 20.30 horas, da primeira delas, O soldadiño de chumbo, espectáculo de Baobab Teatro pensado para público infantil e familiar, mentres que o sábado 1 de xuño, ás 20.30 horas, Inversa Teatro porá en escena a montaxe de teatro contemporáneo Kamouraska, coa que desenvolveron unha importante xira por Latinoamérica.
En canto á oferta musical, a Central Folque organiza o concerto que o día 25 de maio, ás 21.00 horas, reunirá sobre o escenario do Salón Teatro a Os Cempés, Comisa Bal, Coro e Combo Folque, Pedro Pascual e Guadi Galego. Por último, o cantautor Xosé Constenla actuará o venres 28 de xuño, ás 21.00 horas, acompañado de diferentes artistas convidados como peche da xira que vén desenvolvendo desde primeiros de febreiro.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.