A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en marcha Cantámosche os Reis, a segunda das iniciativas de Nadal en Rede, o programa que a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia aprobou, a proposta da súa Área Técnica, no marco da programación de actividades de difusión do galego para o ano 2012.
Os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk, especialistas en tradición oral galega levan máis de 20 anos recompilando coplas, cantos e regueifas, inician mañá os obradoiros de cantos de Nadal Cantámosche os Reis nos concellos de Mesía (na Casa da Cultura, ás 12.00 h) e Ribadavia (na Casa da Cultura, ás 17.00 h). Nestes obradoiros, dirixidos a asociacións culturais e veciñais e mais a público en xeral, interpretaranse cancións en galego propias destas festas para que as celebremos na nosa lingua e mais tratarase de recuperar a tradición de interpretar nadais, aninovos e reis polas casas de cada aldea e vila do país.
Cantámosche os Reis chegarán o día 28 ás localidades do Pereiro de Aguiar e de Cerdedo; o 29 pasarán por Cerceda; o día 2 de xaneiro estarán en Moaña; o 3 en Palas de Reis e, por último, o día 4 farán dobre sesión en Campo Lameiro e en Ames. O calendario completo desta actividade pódese consultar no web de Política Lingüística (http://www.xunta.es/linguagalega/contamosche_reis). Nesta páxina, tamén se pode descargar un folleto con información e exemplos desta rica tradición, que ten como finalidade animar as asociacións e todas as persoas interesadas a contribuír á súa recuperación.
Melchor, Gaspar e Baltasar falan en galego
A primeira iniciativa posta en marcha dentro do programa Nadal en Rede foi Lingua de Reis, unha iniciativa que levou de visita os Reis Magos de Oriente polos colexios de nove concellos galegos pertencentes á RDL. Durante os encontros, as súas Maxestades animaron o alumnado de infantil e de primeiro ciclo de primaria a que lles escriban as cartas deste Nadal en galego.
Diversas iniciativas para festexar o Nadal en Rede
Co fin de facilitarlles aos nenos e ás nenas esta encomenda dos Reis Magos de enviarlles a misiva deste ano en galego, a RDL creou un modelo de carta que Política Lingüística enviou a case un cento de concellos que non dispoñían desta iniciativa. Distribuíronse 5.000 exemplares e o modelo tamén se pode descargar dende o web www.xunta.es/linguagalega/arquivos/carta_reis_magos.pdf.
O programa Nadal en Rede complétase con outras iniciativas coas que o departamento dirixido por Valentín García pretende reforzar a presenza do galego na celebración do Nadal, como o Libro dos Reis, que se distribuíu en todos os concellos da RDL co obxectivo de que as cabalgatas de Reis poidan contar con discursos novos e orixinais en galego da autoría de 26 coñecidas escritoras da literatura galega máis actual. Esta obra, editada por Galaxia e ilustrado por Marina Seoane, pódese descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega/arquivos/libro_Reis.pdf.
Amais destas iniciativas, Política Lingüística volve poñer un ano máis postais electrónicas en galego a disposición de toda a cidadanía para felicitar o Nadal e o Aninovo a través das formas máis actuais de comunicación. Por último, a RDL deseñou o catálogo dixital Este Nadal... agasalla en galego!, que inclúe un bo feixe de ideas para agasallar nestas datas, como discos, libros, xoguetes, roupa, tecnoloxía ou produtos alimenticios, todos eles co denominador común de usaren o galego nos seus contidos e/ou etiquetaxe.
Unha programación específica da Rede de Dinamización Lingüística
Nadal en RDL é unha das iniciativas que desenvolven as especificacións da Programación anual de actividades da RDL para o ano 2012, aprobada polo Consello de Membros a proposta da súa Área Técnica a finais de 2011.
A RDL é un proxecto impulsado polo Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no que a día de hoxe participan case 130 entidades de Galicia, co obxectivo prioritario de establecer e consolidar vías estables de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións local e autonómica dando así un paso máis na promoción planificada do noso idioma. Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais son os seus principais propósitos.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.