O delegado de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, foi o encargado de inaugurar unha xornada dedicada á vixencia de Castelao na arte e no pensamento galego, con motivo da declaración do primeiro Ben de Interese Cultural (BIC) Inmaterial á súa figura.
Pór en valor o patrimonio como signo identitario a través das visións transversais da obra de Castelao, así como divulgar os procesos de restauración e conservación museísticos que permiten, neste caso concreto, a contemplación e interpretación dunha renovada colección do ilustre galego, son os obxectivos principais que persegue esta iniciativa promovida pola área de Cultura da Deputación.
Na súa intervención, o delegado provincial puxo en valor ao ilustre galego sinalando que Castelao foi capaz de reunir múltiplas funcións artísticas e políticas, como debuxante, pintor, xornalista, caricaturista, ilustrador, escritor, pensador e político nacionalista, mais todas estas facetas obedecen a unha mesma motivación e aspiración: a significación cultural e a representación política da Galiza como nación que debía ser coñecida e recoñecida como tal, tanto fóra como dentro dela mesma. Porque non abdicou nunca, en toda a súa vida adulta, dun dobre deber: a devolución aos galegos da súa historia e da súa cultura, e a proxección do universo galego en España e no mundo.
O caso de Castelao continuou Outeiro- é particularmente chamativo, porque se dá a circunstancia de que non só constitúe un auténtico antecedente cultural e político, senón que o pensamento e a praxe por el elaborados están aínda lonxe de teren cumprimento na Terra á que serviu.
No marco desta xornada, o Museo Provincial de Lugo presentou unha nova montaxe da sala monográfica de Castelao, trala restauración e reenmarcado da súa colección, que recolle un total de 30 obras do artista galego, en distintas técnicas como o debuxo, a litografía, o gravado, o óleo ou a acuarela. Aurelia Balseiro, directora da institución museística, foi a encargada de realizar a visita técnica guiada á nova disposición da sala monográfica do polifacético Castelao.
Unha táboa redonda a cargo do historiador galego Xoán Carlos Garrido Couceiro, e da escritora e investigadora Pilar García Negro, e unha conferencia de Blanca Besteiro García sobre a restauración da obra en papel de Castelao no Museo de Lugo completaron o programa.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.