Notas de prensa

Arranca en Tui a xira galega do espectáculo teatral O profesional, do CDG

O Teatro Municipal Área Panorámica de Tui acolle os días 26 e 27 de outubro a representación da versión galega do drama O profesional, protagonizado por Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel. Inicia, así, a xira desta obra por Galicia.

O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia esta semana en Tui a xira do espectáculo O profesional con dúas funcións o venres 26 (21:30 h) e o sábado 27 (20:30 h) no Teatro Municipal da Área Panorámica. A primeira versión galega da obra do serbio Dusan Kovacevic principia así na localidade pontevedresa unha distribución que a levará ata finais de 2012 por 11 escenarios galegos e portugueses, despois da súa estrea en Santiago o pasado 5 de outubro.

O director do CDG, Manuel Guede Oliva, que asume tamén nesta ocasión a dirección artística da montaxe, presentou hoxe en Tui estas funcións, nunha rolda de prensa na que se explicaron as claves da proposta escénica e na que participaron tamén o alcalde, Moisés Rodríguez e a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez.

O profesional, realizada en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga, está interpretada por Ernesto Chao, Miguel Pernas, Rebeca Montero e Rodrigo Roel. Forman parte tamén do equipo artístico María Negreira a cargo do vestiario, Juanjo Amado no deseño da iluminación, Fran Veiga na produción e Inma Antonio Souto como asistente de dirección. A adaptación da obra ao galego é tamén de Manuel Guede, a partir da tradución de Vladimir André Cejovic e Anne Renoue.

Coprodución con Braga

Na produción do que é o primeiro traballo da nova etapa de Guede Oliva á fronte do Centro Dramático Galego, recuperáronse os elementos escenográficos e de atrezzo que foran deseñados e construídos no seu día para a versión portuguesa deste espectáculo, que el mesmo dirixiu en 2007 para a Companhia de Teatro de Braga.

Así, na ficha artística a achega portuguesa reflíctese na escenografía asinada polo arquitecto José Carvalho Araújo, na creación de vídeo de Hugo Carvalho Araújo e no espazo sonoro que idearon conxuntamente Pedro Pinto e Manuel Guede.

Con O profesional, o CDG inicia ademais as accións previstas no marco da nova dinámica de colaboración con diferentes entidades portuguesas na procura de acadar unha relación normalizada e sistemática entre as escenas de ambos países.

Belgrado, 1990

No ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra dos Balcáns, a unidade de produción teatral da Xunta de Galicia incorpora por vez primeira ao seu repertorio un autor da antiga Iugoslavia a través dun drama político e policial, pero con grandes doses de comicidade e ironía.

O profesional está ambientada no Belgrado de 1990, dez anos despois da morte do mariscal Tito e pouco despois de que o Partido Comunista renunciase ao monopolio do goberno. A acción desenvólvese nun só acto, que transcorre no lapso de tempo dunhas breves horas durante as que Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político convertido agora en director dunha editorial en bancarrota, recibe a visita de Luka Laban, ex policía da Seguridade Nacional que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión do CDG, Miguel Pernas e Ernesto Chao dan vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que agora ven como os seus papeis se inverten nunha metáfora das grandes ambigüidades e contradicións da antiga Iugoslavia comunista e da historia recente de Serbia.

Rebeca Montero, como “a secretaria”, e Rodrigo Roel Rodrigo Roel, como “o tolo”, completan o elenco que leva a escena este texto actual e cheo de matices, que indaga na fraxilidade dos ideais e nas consecuencias dos totalitarismos, así como na grandeza e miseria do espírito humano. A escenografía, dominada por un gran estante de andeis nus e as lascas de cortiza que se estenden por todo o chan, reforza esa representación do baleiro e ruína moral como presaxio do terrible futuro que lle agarda ao país.

Xira ata decembro

Neste sentido, o Teatro da Cerca de São Bernardo en Coimbra (8 e 9 de novembro) e o Theatro Circo en Braga (13 e 14 de novembro) son dous dos escenarios nos que a compañía pública galega representará o seu novo espectáculo trala estadía no Salón Teatro. Durante a súa xira, O profesional visitará outras nove localidades galegas: Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro, 30 e 31 de outubro), Ourense (Teatro Principal, 3 e 4 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 23 de novembro), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 4 e 5 de decembro), Rianxo (Auditorio Municipal, 8 de decembro), Narón (Pazo da Cultura, 14 e 15 de decembro) e Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 23 de decembro).

En Portugal, están así mesmo programadas representacións en dous escenarios: o Teatro da Cerca de São Bernardo en Coimbra (8 e 9 de novembro) e o Theatro Circo en Braga (13 e 14 de novembro).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES