Galicia, Ceo das letras, o ciclo co que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pretende renderlle unha homenaxe a grandes autores clásicos da literatura, regresa á programación da Cidade da Cultura cunha homenaxe ao gran patriarca das letras galegas: Otero Pedrayo. Un relatorio a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e unha peza teatral darán corpo a este novo sábado de autor que tamén contará coa presenza do escritor, editor e presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Freixanes; ademais dunha sesión paralela para os máis pequenos.
Figura central do galeguismo cultural e político, posuidor dunha cultura enciclopédica e fondo coñecedor da sociedade rural galega da época, Otero Pedrayo será protagonista na Cidade da Cultura a través das palabras dun dos maiores coñecedores da súa vida e obra: Ramón Villares, do que cómpre recordar que é ensaísta e Catedrático de Historia Contemporánea, e que foi reitor da USC e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea.
Casa Hamlet en escena
A sesión Otero Pedrayo. Notario de todas as cousas contará tamén coa posta en escena dunha pequena peza teatral a cargo da compañía Casa Hamlet, que regresa o ciclo Galicia, Ceo das Letras coa obra Fidalgo. Trátase dunha peza duns corenta minutos baseada en diferentes textos de Otero Pedrayo, interpretada por Manuel Lourenzo e Rubén Espejo, co apoio musical de Brandán Lourenzo.
Actividades para pequenos lectores
Galicia, Ceo das Letras conta este ano cunha sesión paralela na que os máis pequenos se introducen no mundo de cada un dos autores dunha forma lúdica e entretida. Da man de Marta Ríos e María Lado, rapaces de 6 a 11 anos resolverán pequenos misterios sobre a vida e obra de Otero Pedrayo a través de xogos, actividades colectivas e pequenas lecturas, contando sempre coa axuda dun elenco de personaxes que os guiarán na súa investigación como se fose a procura dun tesouro.
A actividade desenvólvese nun percorrido que transcorre pola Biblioteca da Cidade da Cultura, onde os nenos van atopando actividades lúdicas do máis diverso que os achegarán ao escritor e á súa obra ao tempo que pintarán a Otero Pedrayo, escoitarán música, disfrazaranse e moitas actividades máis.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.