Notas de prensa

Galicia, visible en Finlandia a través da mostra interactiva Memoria Acústica Europea

Varias instalacións reproducen os sons recollidos nos diferentes traballos de campo cunha canle de televisión divulgativa e un punto de escoita interactivo. Galicia participa en Finlandia na mostra auralidade e paisaxe sonora, do proxecto Memoria Acústica Europea.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa nunha exposición sobre auralidade e paisaxe sonora que se inaugura o 20 de setembro na cidade de Tampere (Finlandia), como parte expositiva do proxecto do programa Cultura da UE “Memoria Acústica Europea” (European Acoustic Heritage) que lidera a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

O proxecto ‘Memoria Acústica Europea’ comezou o pasado ano 2011 co obxectivo de poñer en valor a paisaxe sonora como patrimonio inmaterial, ao tempo que se afonda na súa contribución á diversidade cultural europea. A súa finalidade é estudar a relevancia dos sons do noso contorno desde unha perspectiva histórica e cultural para determinar o seu valor como patrimonio inmaterial e a súa importancia na configuración da paisaxe sonora europea, atendendo tanto ás particularidades como ás similitudes acústicas que se producen neste contexto tan amplo.

Enmarcado no Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea, trátase dunha iniciativa a tres anos na que tamén figura asociada a Fundación Illa de San Simón, o colectivo galego Escoitar.org en calidade de colaborador técnico, así como outras tres entidades socias doutros tantos países: o centro para a investigación acústica Cresson de Grenoble (Francia), a Academia Austríaca das Ciencias Phonogrammarchiv de Viena e a Universidade de Tampere en Finlandia.

Cartografías, televisión e punto de escoita

A exposición que se inaugura este xoves en Finlandia amosará os primeiros resultados do proxecto través de varias instalacións. Así, unha cartografía permitirá acceder ao contido dos múltiples mapas sonoros elaborados polos colectivos e institucións europeas de xeito individual nos últimos anos, outra cartografía específica centrarase no estudo dos sons da auga, unha canle de televisión amosará entrevistas realizadas en Galicia sobre memoria acústica en zonas costeiras; e un punto de escoita interactivo espacializado (4.1) permitirá mesturar as 10 composicións da paisaxe sonora seleccionadas nunha convocatoria pública internacional para artistas sonoros e compositores.

A exposición compleméntase con actividades pedagóxicas para concienciar da importancia do acontecemento sonoro, así como dun taller de Locative Media baseado na ferramenta de xeolocalización sonora para dispositivos móbiles noTours, desenvolvida polo colectivo galego Escoitar.org.

Esta será a primeira das catro exposicións itinerantes que medrarán coa incorporación do material que se produza no segundo ano de desenvolvemento do proxecto. En xaneiro viaxará a Cresson, despois a Viena e finalmente a Galicia onde, ademais, terá lugar unha Escola de Verán que ofrecerá varios obradoiros relacionados co son e a súa creación, nos que participarán mestres e estudantes de diferentes países.

Imaxinario sonoro

Cun orzamento global de 354.391 euros, financiado ao 50 por cento entre a Comisión Europea e as cinco entidades socias, “Memoria Acústica Europea” conta con grupos de estudo e traballo en cada un dos países participantes integrados por especialistas en paisaxe sonora, entendida esta como o conxunto de sons que forman parte do imaxinario colectivo e definen a personalidade dun lugar ou contorno concreto.

Na primeira fase da iniciativa, os diferentes grupos encargáronse da gravación dos sons representativos da cidade e do ámbito doméstico co obxectivo de analizar os signos distintivos da paisaxe sonora contemporánea e histórica de cada unha das áreas xeográficas definidas. Neste sentido, téntase recuperar os sons característicos do contorno doméstico e social desaparecidos ao longo da historia, dende a idade dos metais ata a revolución industrial, antes da popularización do fonógrafo.

Ademais de rexistrar e sinalar aqueles sons actuais que estean en risco inminente de desaparición ou absorción, realízase un amplo rexistro sonoro por categorías (sons naturais, oficios tradicionais, mecánicos, industriais, sinais acústicos, interacción social, silencios, eventos sonoros e outros) a partir dos que se buscará identificar e definir o que podería ser a memoria acústica europea.

European Acoustic Heritage é un dos oito proxectos liderados por entidades españolas do total de 103 accións de cooperación aprobadas o pasado ano no marco do Programa Cultura 2007-2013 da Comisión Europea.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (facela-fest-2026.jpg) O FaCeLa Fest reúne este ano a 18 bandas, encabezadas polos ingleses Temples, os galegos Triángulo de Amor Bizarro, os asturianos Australian Blonde e as madrileñas Shego. Completan o cartel o novo proxecto lucense The Foolans, Bernal, Axolotes Mexicanos, Los Palms, Pacífica, Ripship, Error 97, Sigilu, Filophóbicas, Toldos Verdes, Las Yhadys, Aeronave Adolescente, Fotocopia e Sapo Bufo. O escenario principal trasládase nesta edición á Sala Tebras pero haberá tamén concertos noutros espazos da cidade, como o Bar Facela, no barrio da Tinería.
Foto de la tercera plana (educacion-responsable.jpg) Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino tamén ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente, dentro da vía de diálogo aberta entre Xunta e sindicatos. As propostas, que se elevarán aos órganos pertinentes coa previsión de comezar a aplicalas desde o novo curso que arranca en setembro, abordan melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.

Notas

O Espazo de intervención cultural NORMAL da UDC acollerá ata o 15 de setembro a exposición “A Coruña, porto negreiro”, unha mostra que propón unha revisión crítica da memoria colonial da cidade e ao seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas. Esta mostra expositiva fai un percorrido pola memoria colonial coruñesa e convida a recoñecer as pegadas que este legado deixou na arquitectura, na economía e no imaxinario urbano.
Seguir a 'tipsters' ou prognosticadores de xogos de apostas en redes sociais asóciase cunha maior intención de apostar entre adolescentes. Os menores que seguen a estas figuras amosan unha maior frecuencia de xogo e unha menor percepción do risco. Estas son algunhas da conclusións dun estudo realizado desde a Universidade de Vigo e a Universidad Miguel Hernández de Elche (UMH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES