Notas de prensa

Cultura e Educación enche o Gaiás de circo, espectáculos e xogos o vindeiro 25 de agosto co festival “cidade imaxinaria”

Unha viaxe ao mundo máxico do circo, ao balbordo das feiras de principios de século e aos invento e ilusións ópticas nunha xornada chea de espectáculos, xogos e obradoiros totalmente de balde para toda a familia. Esta é a proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o vindeiro 25 de agosto cando o complexo do Gaiás se converta durante todo o día nunha Cidade Imaxinaria.

Todo un “exército” de artistas desembarcará por segundo ano consecutivo na Cidade da Cultura dende ás 11:30 e ata as 21:30 horas para celebrar un festival cheo de actividades ao aire libre pensados para grandes e pequenos. Tras o éxito colleitado en 2011 -cando 4.000 persoas gozaron dun día cheo de magos, bailaríns, acróbatas, músicos, cómicos e actores-, ao redor dun cento de artistas converterán o Gaiás por un día nunha auténtica Cidade Imaxinaria que volve con novos espectáculos cheos de cor, humor e, sobre todo, diversión. Trece compañías de artes escénicas, tanto galegas como do resto de España, porán en escea ata quince vibrantes espectáculos que irán sucedéndose ao longo de 36 pases durante todo o día.

Xogos para agudizar os sentidos

Xunto a “zancudos”, pallasos, equilibristas e malabaristas, os asistentes á Cidade Imaxinaria poderán enredar nuns xogos pensados para exercitar a agudeza mental, a tenacidade, a paciencia e a inventiva nun ambiente de lecer. Así, grandes e pequenos poderán perderse ao longo de todo o día nun Garabato de xogo formado por ata trinta xogos elaborados con materiais reciclados; nun Labirinto cheo de cruzamentos, atallos e enigmas; ou entre os inventos máxicos, as caixas misteriosas e os espellos de dobre visión da Feira dos Imposibles, feira de época única no seu xénero en toda Europa.

Espectáculos na rúa

O Gaiás acollerá tamén novos espectáculos ao aire libre totalmente de balde. Ao longo do día e en diferentes sesións, os que se acheguen ata a Cidade da Cultura poderán rir cos aventuras dos charlatáns Irmáns Ficante que dende o seu carromato explicarán os beneficios dun tónico milagreiro, co que os obxectos cobran vida. Os máis intrépidos poderán axudar a Messieur Bocamoll, Marcelo o inventor mecánico e Ursus, o valente piloto acróbata, a pilotar un impresionante Zeppelin co que percorrerán múltiples cidades e coñecerán ás máis diversas xentes sen que nin tormentas nin avarías lle impidan unha sorprendente viaxe. E para os amantes do circo, o vindeiro 25 de agosto chega o Gaiás o Señor Pérez co seu Circo de pulgas, unha troupe do máis peculiar que fará gozar ao público coas súas acrobacias e mais as súas asombrosas habilidades.

Teatro e cine

O teatro tamén estará presente nesta Cidade Imaxinaria grazas á compañía Tanxarina e a súa obra Trogloditas, un espectáculo cómico cheo de humor e tolería a cargo de tres homes primitivos e uns aloucados monicreques. Xa no Auditorio, o xenial Pep Bou porá en escea o espectáculo Burbullas á carta, pompas de xabón que seducirán e sorprenderán ao público pola súa delicadeza e espectacularidade. Como todas as actividades de Cidade Imaxinaria, esta actividade será de balde pero conta con prazas limitadas polo que as persoas que desexen asistir deberán retirar a súa entrada media hora antes de cada sesión (12:00, 13:30, 17:30 e 19:00 horas) no mostrador da Biblioteca de Galicia. O espectáculo, para todos os públicos, ten unha duración de 40 minutos.

E do teatro á gran pantalla porque os pequenos cinéfilos tamén terán o seu espazo no Gaiás grazas á Caixiña dos mistos, unha caravana moi especial reconvertida en sala itinerante onde proxectar peliculiñas de curta duración. Pensado para nenos e adolescentes ata 14 anos, todos os participantes poderán proxectar a peza que máis lle gusta da carteleira e votar por aquelas curtas favoritas ao tempo que será posible pintar, xogar coa plastilina ou facer recortables.

Ludoteca para bebés

Co obxectivo de que todo o mundo teña o seu oco, Cidade Imaxinaria contará coa súa propia ludoteca para bebés habilitada no Espazo Off. Un rincón para nenos de 0 a 4 anos no que poder compartir cos seus pais xogos, manualidades, pinturas e un bo número de actividades guiados por monitores expertos.

As actividades de Cidade Imaxinaria complétanse con obradoiros nos que nenos e adultos poderán desenvolver a súa imaxinación como o de Maquillaxe, na que aprenderán a pintar a cara das máis diversas cores e con formas moi orixinais, converténdose por unhas horas no personaxe que sempre quixo ser; así como outros talleres que precisarán de previa inscrición en www.cidadedacultura.org. Un amplo abano de actividades que darán vida a un festival animado en todo momento por un nutrido grupo de pallasos, malabaristas, trapecistas, músicos e demais personaxes animados para facer do 25 de agosto un día inolvidable.

Gabinete de Comunicación da Consellería e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, 2012-08-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES