Notas de prensa

Agadic financia a produción de 18 longametraxes, 30 espectáculos escénicos e un total de 23 festivais

No apartado audiovisual figuran 10 filmes de ficción e 8 documentais; en tanto que Sarabela, Chévere e Teatro do Morcego asumirán montaxes teatrais de gran formato. Tamén recibirán axuda as salas Teatro Ensalle, Andamio e Santart, 15 festivais de música e outros 8 de teatro e danza.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financia este ano a través das tres convocatorias de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a produción de 18 longametraxes, 30 espectáculos escénicos e 23 festivais de distintos estilos de música, teatro e danza que se celebran en distintas localidades galegas.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad fixo públicas as relacións de beneficiarios das categorías de axudas resoltas e aprobadas na última reunión do Consello de Dirección da Agadic, que supoñen unha inversión total no tecido das empresas culturais galegas duns 4.500.000 euros e abranguen as principais modalidades destinadas a producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega, á organización de festivais e aos proxectos das industrias culturais. Dentro desta última categoría restan por resolver as submodalidades de crédito-cultura e de distribución, que funcionan con outros prazos.

Tamén recibirán axuda para o mantemento da súa actividade tres espazos escénicos de titularidade privada: Teatro Ensalle (en Vigo), Teatro del Andamio (na Coruña) e Sala Santart (Santiago); así como oito dos principais colectivos de profesionais do sector para a materialización dos seus proxectos anuais: Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos (Agase), Escena Galega, Asociación Galega de Editores, Asociación Galega de Produtoras Independentes, Danesga, Asociación Galega de Empresas Musicais, Clubtura e Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Audiovisual

Para o sector audiovisual a Agadic dispuxo un crédito global de 2.900.000 euros, que servirán para contribuír á produción de 18 longametraxes, 10 deles de ficción e os outros 8 de xénero documental. Serán os filmes titulados A ausencia (de Zeitum Films), A esmorga (de Vía Láctea), Psiconautas (de Zircozine), Lobos sucios (de Agallas Films), Úrsula e o fillo pescador (presentado por Adivina Producciones), As altas presións (de Matriuska), Somos xente honrada (de Vaca Films) e Schiambre (proposta de Ficción Producciones); os tres últimos na categoría reservada a óperas primas.

A listaxe de beneficiarios tamén contempla dúas películas de televisión: Tutu (da produtora Ficción) e Hotel Almirante (de Formato); así como os documentais En todas as mans. O monte en mancomún (Trespés), Manuel Quiroga (Portocabo), O meu nome é Camba (Faro), Alpuxarras (Documental), O rei salmón (Pulsa Control) e O feitizo xenético dos Austrias (Zenit Televisión).

Actividade escénica

As axudas para a actividade escénica concedidas (do crédito xeral de 1.290.000 euros contemplado na convocatoria) posibilitarán a montaxe de 30 espectáculos escénicos, clasificados en 3 obras de gran formato (con máis de sete actores, músicos ou bailaríns en escena), 10 de mediano formato (entre catro e sete intérpretes), 8 de pequeno formato (máximo de tres intérpretes), 3 de nova creación e 6 dentro do apartado dedicado ás novas tendencias escénicas.

As tres compañías que prevén estrear obras con elencos de máis de sete actores ou intérpretes son Sarabela, co espectáculo Viaxe a ningunha parte; Chévere, con Eurozone; e Teatro do Morcego, con Fábulas.

No mediano formato figuran as compañías Berrobambán con O refugallo, Produccións Teatrais Excéntricas con Románticos, Talía con O método Gronhölm, Espello Cóncavo con Azos de Esguello, Kukas con O Kikirijote, o mago Martín Camiña con Corcheas, semifusas e ilusións, Paloma Gómez Colomer con O botín da miseria, Malasombras con Smoke City, Pistacatro con Impreuna e Andrea Bayer con O soldadiño de chumbo; en tanto que no pequeno formato insírense Teatro de Noroeste con Linda and Freddy, ilusionistas, Cachirulo con Pedro, o lobo e algún máis que pasaba por alí, Elefante Elegante con A accidentada aventura dun aviador sen cordura, Abrapalabra con Decameron. Historias para tempos críticos, Trompicallo con Osiño, Teatro del Andamio con A verdadeira historia da cigarra e a formiga, Pedro Rubín con Desfeitos e Gurugú Producciones con Amadú, salvador dos seus.

As obras de nova creación que percibirán axuda son as tituladas Carboeiro Kamishi-Baj, presentada por Ignacio Vilariño; A tixola polo mango, proposta por Chiripa Producións e Curriculum vitae, de Redrum Producciones. Na submodalidade específica para novas tendencias, contemporáneas ou de autor resultaron beneficiarios os proxectos presentados cos títulos de Ñam (Caramuxo), Arquitectura da emoción (A Producións Artísticas), Aló (de Pablo Sánchez Pérez), Imprudentemente Deseé (Ensalle), Baleadas (Marta Alonso) e Snakizados (Ancora).

Festivais de diversos estilos

A Consellería de Cultura e Educación publicou este ano por vez primeira en Galicia unha convocatoria de axudas para a celebración de festivais escénicos e musicais, dotada con 360.000 euros (180.000 para cada xénero). Da súa resolución resultaron adxudicatarios 23 eventos (8 de escena e 15 de música), nunha relación na que están representados distintos estilos artísticos e diferentes localidades das catro provincias galegas.

Así, no apartado de escena terán axuda dentro desta convocatoria a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas, o Festival Galicreques de Santiago, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Festiclown que se celebra en Ourense e Lugo, o Festival de Títeres de Redondela, o Festival Internacional de Teatro de Ourense e o Festival Abelardo Gabriel de Riós.

Pola súa banda, os festivais de música beneficiarios son o Brincadeira Rock de Cambre, o Derrame Rock de Ourense, o Festival Sinsal de Vigo, o Microfest de Santiago, o Festival de Pardiñas, Festival Sonrías Baixas de Bueu, o FIV 2012 de Vilalba, o Resurrection Fest de Viveiro, o Reperkusión de Allariz, 981 Festival da Coruña, o Lolapop de Redondela, o Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía), o Festigal de Santiago, o Felipop de Fene e o Festival de Jazz de Lugo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (parque-eolico-zas.jpg) A Xunta de Galicia completou esta semana os trámites para a autorización dos nove proxectos de repotenciación voluntaria de parques eólicos recibidas entre finais de 2023 e comezos de 2024 e que permitirán suprimir 286 aeroxeradores do territorio galego así como, coa mesma potencia, incrementar un 35 % a produción de enerxía renovable. Trátase dun procedemento que destacou pola súa axilidade pois os prazos de autorización administrativa acurtáronse considerablemente, completándose en menos dun ano desde a recepción do proxecto definitivo e cumprindo así co mandato comunitario de axilizar as xestións e garantir que non se alongan máis de dous anos.
Foto de la tercera plana (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na asemblea xeral Comisión do Arco Atlántico da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas en Sevilla, na que se fixo balance do último ano e se presentaron as previsións para 2026. O director xeral interveu na sesión Un novo marco financeiro plurianual da UE: que hai para o Atlántico, onde defendeu un futuro da política de cohesión descentralizado e o rexeitamento ao cambio de modelo cara un plan único por estado membro, postura baseada nas experiencias previas que mostran que os programas operativos rexionais son a fórmula máis eficiente para a xestión dos orzamentos destinados á cohesión.

Notas

Poucas figuras teñen deixado tanta pegada no imaxinario colectivo galego como a de Isaac Díaz Pardo (1920-2012). As súas múltiples facetas como deseñador, ceramista, pintor, empresario e intelectual convertérono nun emblema da identidade cultural galega. Precisamente neste 2025, no que se lle dedica o Día das Artes Galegas, a Universidade de Vigo quere renderlle homenaxe e contribuír a difundir o seu traballo e legado. Para facelo, este venres inaugurouse a mostra Isaac Díaz Pardo.
A Alameda de Santiago será esta fin de semana o escenario de Compos(tech)la, un dos múltiples eventos do proxecto Santiago en Vivo para fortalecer o tecido empresarial e dinamizar a economía. A feira tecnolóxica contará co protagonismo da Universidade de Santiago, que levará durante o sábado e o domingo ao parque compostelán algúns dos seus centros de investigación e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES