
Xoel López e os temas do seu último disco, Atlántico, serán os encargados de inaugurar o xoves 5 de xullo Atardecer no Gaiás, a proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o caer da tarde na praza exterior da Cidade da Cultura durante os meses de verán. A partir das 21:00 horas e totalmente de balde, todos os que se acheguen ao Gaiás poderán gozar do esperado regreso do músico coruñés presentando Atlántico, o seu duodécimo disco e o primeiro editado baixo o seu propio nome.
Xoel López será o encargado de abrir o Atardecer no Gaiás, un ciclo de lecer para os meses de verán na praza central da Cidade da Cultura que aposta pola fusión de diversos estilos musicais coa poesía e as propostas máis vangardistas no eido da videocreación en directo. O músico coruñés presentará o seu último traballo despois de haber viaxado por diferentes países co proxecto Xoel López e a Caravana Americana.
Atardecer no Gaiás mantén a súa idea orixinal de ofrecer estas actuacións nos atardeceres dos xoves, venres e sábados do verán, a partir das 21:00 horas. Do 5 de xullo ata o 8 de setembro, a praza exterior do Gaiás converterase nun espazo para o relax onde se habilitará unha zona chill-out con sofás e coxíns que permitirá gozar deste ciclo de espectáculos de pequeno formato.
Atardecer no Gaiás celebrou no verán do 2011 a súa primeira edición cunha moi boa acollida por parte do público. Durante a pasada edición, os que se achegaron a Cidade da Cultura disfrutaron coas actuación de bandas internacionais como Lacrosse; as melodías medievais do grupo Mendinho; o diálogo musical que estableceron sobre o escenario Ugia Pedreira e Fred Martin, os recitais poéticos a cargo de María Lado, Yolanda Castaño e Olalla Cociña; ou a micropoetisa madrileña Ajo.
Rock para a primeira semana
Tras a estrea deste xoves con Xoel, o venres será a quenda das arxentinas Las Kellies, unhas mozas políglotas que buscan divertir e divertirse nos seus directos. Cancións sinxelas que mesturan garage, post punk, cumbia e dub e que dan como resultado un rock cru e á vez picante, bailable e apegadizo.
Esta primeira semana de Atardecer no Gaiás complétase coa chegada desde Cataluña de Santa Rita, grupo de rock experimental e intuitivo; un cóctel de hormonas musicais revolucionadas na procura de fieis devotos da diversión.
Catálogo Gallaecia Petrea
A Cidade da Cultura de Galicia acollerá esta tarde a presentación do Catálogo da exposición Gallaecia Petrea, unha ambiciosa publicación de máis de 600 páxinas que reúne as mellores obras do noso patrimonio en pedra. A presentación, que terá lugar ás 20:00 horas no Museo da Cidade da Cultura de Galicia, contará coa presenza dos seis comisarios que conducen esta viaxe pola Historia de Galicia a través da pedra: o profesor Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña; Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Antonio Rodríguez Colmenero, profesor ad Honorem da Universidade de Santiago; Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra; Ana Goy Diz, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago; e Miguel Fernández Cid, director da Fundación Torrente Ballester.
O Catálogo de Gallaecia Petrea é o resultado final dunha exhaustiva e minuciosa investigación sobre o patrimonio galego a cargo dun total de 76 expertos, investigadores e profesores universitarios que hoxe estarán na presentación pública do que supón un importante traballo documental do patrimonio de Galicia e o Norte de Portugal ao longo da súa Historia.
Fotografía: Lola García (distribuída pola Xunta de Galicia)
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.