Notas de prensa

Máis de 3.000 persoas visitan a exposición Gallaecia Petrea nunha fin de semana

Máis de tres mil persoas visitaron na súa primeira fin de semana a exposición Gallaecia Petrea, unha viaxe pola Historia de Galicia a través da pedra que acolle o Museo da Cidade da Cultura de Galicia.

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o éxito co que esta mostra, unha das máis grandes das organizadas en Galicia nas últimas décadas, foi acollida polo público.

Dende a súa inauguración o venres 15 de xuño ata este domingo 17, un total de 3.171 visitantes puideron admirar as 341 obras -moitas delas pouco coñecidas a pesar do su alto valor patrimonial ou de difícil acceso para o gran público-, reunidas por primeira vez nunha mostra que pretende ser unha homenaxe á arte e á cultura galega a través dos séculos. Coa colaboración de 91 entidades, concellos e particulares de Galicia, España e Portugal; e a participación dun equipo de 76 investigadores e expertos; Gallaecia Petrea preséntase como o mellor escaparate do patrimonio galego.

Cultura e Educación quere recordar que Gallaecia Petrea permanecerá aberta ao público dende o 15 de xuño ao 15 de decembro, a excepción deste venres 22 de xuño, con motivo do concerto que a artista islandesa Björk ofrecerá na Cidade da Cultura de Galicia. Para facilitar a organización do evento e evitar calquera posible incidencia, o Museo da Cidade da Cultura pechará as súas portas todo o día, para reabrir xa o sábado 23 de xuño a partir das 11:00 da mañá no seu horario habitual.

Visita de luns a domingo

O Museo da Cidade da Cultura permanecerá aberto todos os días en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas. A entrada terá un custo xeral de 4 euros, beneficiándose dunha reducida (2 euros) estudantes, familias numerosas, discapacitados, posuidores do carné xoven e grupos de máis de vinte persoas. Ademais, Gallaecia Petrea será de balde para menores de 18 anos, desempregados e xubilados e todos os mércores terá entrada libre e de balde para que ninguén perda esta oportunidade para ver unha das mostras máis ambiciosas de Galicia.

Ademais, a Cidade da Cultura de Galicia ofrece un servizo de visitas guiadas de balde, que terán lugar todos os días en dúas quendas: 12:30 e 16:30 horas. No caso de grupos, é preciso realizar unha reserva a través do correo visitasmuseo@cidadedacultura.org ou no teléfono 881 99 51 72.

Unha viaxe de séculos pola arte e a cultura galega

Comisariada por Miguel Fernández-Cid, Gallaecia Petrea ocupa os 6.600 metros cadrados dos que dispón o Museo dividida en seis áreas: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medieval, Moderna e Contemporánea. Cada unha delas está comisariada, á súa vez, por destacados expertos nesas áreas como son o Profesor Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña; Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Antonio Rodríguez Colmenero, profesor ad Honorem da Universidade de Santiago; Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra; Ana Goy Diz, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago; e Miguel Fernández Cid, director da Fundación Torrente Ballester.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-06-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (facela-fest-2026.jpg) O FaCeLa Fest reúne este ano a 18 bandas, encabezadas polos ingleses Temples, os galegos Triángulo de Amor Bizarro, os asturianos Australian Blonde e as madrileñas Shego. Completan o cartel o novo proxecto lucense The Foolans, Bernal, Axolotes Mexicanos, Los Palms, Pacífica, Ripship, Error 97, Sigilu, Filophóbicas, Toldos Verdes, Las Yhadys, Aeronave Adolescente, Fotocopia e Sapo Bufo. O escenario principal trasládase nesta edición á Sala Tebras pero haberá tamén concertos noutros espazos da cidade, como o Bar Facela, no barrio da Tinería.
Foto de la tercera plana (educacion-responsable.jpg) Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino tamén ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente, dentro da vía de diálogo aberta entre Xunta e sindicatos. As propostas, que se elevarán aos órganos pertinentes coa previsión de comezar a aplicalas desde o novo curso que arranca en setembro, abordan melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.

Notas

O Espazo de intervención cultural NORMAL da UDC acollerá ata o 15 de setembro a exposición “A Coruña, porto negreiro”, unha mostra que propón unha revisión crítica da memoria colonial da cidade e ao seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas. Esta mostra expositiva fai un percorrido pola memoria colonial coruñesa e convida a recoñecer as pegadas que este legado deixou na arquitectura, na economía e no imaxinario urbano.
Seguir a 'tipsters' ou prognosticadores de xogos de apostas en redes sociais asóciase cunha maior intención de apostar entre adolescentes. Os menores que seguen a estas figuras amosan unha maior frecuencia de xogo e unha menor percepción do risco. Estas son algunhas da conclusións dun estudo realizado desde a Universidade de Vigo e a Universidad Miguel Hernández de Elche (UMH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES