Notas de prensa

Música e poesía nos Atardeceres no Gaiás os xoves, venres e sábados

Responsables de Acción Cultural da Cidade da Cultura presentaron o programa "Atardecer no Gaiás" integrado por 27 actuacións en pequeno formato que está previsto que amenicen as noites de xullo, agosto e setembro. O ex Piratas, Fon Román; Atlántica Vapora ou a Orquesta de Cámara Galega, entre as propostas.

Música clásica, tradicional, pop, rock, jazz, flamenco, electrónica, funk, poesía nunha atmosfera cativadora e no momento máxico do luscofusco. Este é o plan que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón para todos os xoves, venres e sábados de verán a través de Atardecer no Gaiás, un ciclo co que gozar ao caer a tarde na praza da Cidade da Cultura.

Cun amplo e variado programa de actuacións totalmente de balde, Atardecer no Gaiás mantense fiel ao espírito da primeira edición, que contou cunha grande acollida de público durante o verán do 2011. Deste xeito, vólvese a apostar pola fusión de diversos estilos musicais coa poesía e as propostas máis vangardistas no eido da videocreación en directo. A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e a directora de Acción Cultural, María Pereira, foron as encargadas de presentar o cartel desta edición, que conta cun total de 27 actuacións de artistas e formacións galegas, españolas e internacionais que amenizarán as noites de xullo, agosto e setembro con espectáculos de pequeno formato.

“A Cidade da Cultura pretende ofrecer unha alternativa de lecer para os meses do verán, aproveitando un escenario que se presta ao relax e o goce como é a praza exterior na que se volverán combinar os máis diferentes estilos musicais, dende o jazz ao pop, pasando pola música clásica, o rock, o punk ou a música electrónica”, explicou Beatriz González Loroño. No acto de presentación tamén estiveron presentes algunhas das bandas galegas que forman parte do cartel de Atardecer 2012 e que dan conta da variedade de estilos e espectáculos que ofrece esta edición como a música tradicional de Atlántica Vapora Orquestra, os poemas musicalizados de Xardín Desordenado, o son ecléctico de GazzFunkdation ou a clásica da Orquesta de Cámara Galega.

Atardecer no Gaiás mantén a súa idea orixinal de ofrecer estas actuacións nos atardeceres dos xoves, venres e sábados do verán, a partir das 21:00 horas. Do 5 de xullo ata o 8 de setembro, a praza do Gaiás converterase nun espazo para o relax onde se habilitará unha zona chill-out con sofás e coxíns que permitirá gozar deste ciclo de espectáculos de pequeno formato. Atardecer no Gaiás celebrou no verán do 2011 a súa primeira edición cunha moi boa acollida por parte do público que se achegou ata a Cidade da Cultura para ver a bandas internacionais como Lacrosse, as melodías medievais do grupo Meendinho, o diálogo musical que estableceron sobre o escenario Ugia Pedreira e Fred Martin ou os recitais poéticos a cargo de María Lado, Yolanda Castaño, Olalla Cociña ou a micropoetisa madrileña Ajo.

Programa para todos os gustos

O 5 de xullo será a estrea deste Atardecer no Gaiás cunha actuación sorpresa moi especial. Sen poder desvelar nada aínda do que vai acontecer, a Cidade da Cultura acollerá o moi esperado regreso dun músico galego xa universal.

O pop e o rock seguirán presentes neste ciclo coas actuacións dos grupos femininos Las Kellies (Arxentina) e Santa Rita (Cataluña), ademais da banda madrileña Niño Burbuja, a parisina Exsonvaldes, o vigués Fon Román (ex-guitarrista de Los Piratas), o folk-pop mediterráneo de Litoral e a mestura folk rock do dúo coruñés Escuchando Elefantes. As propostas máis experimentais chegarán de dúas bandas galegas: o Colectivo Oruga e o seu estilo indietrónico, e o proxecto musico-festivo-visual de República Disco Apocalipso.

Os amantes do rhythm and blues poderán gozar coa banda galega TheAllnightWorkers, mentres que os afeccionados ao jazz máis avanzado terán a oportunidade de escoitar en directo ás formacións galegas 2uS,coa súa ecléctica proposta, e GazzFunkdation, coa súa fusión co funk. O estilo funk tamén se mesturará coa música árabe de Al-Madar e as súas influencias do jazz e do soul.

A música tradicional e a poesía tamén teñen o seu oco neste Atardecer no Gaiás coa musicalización de poemas galegos que fai Xardín Desordenado, o recital da poeta madrileña low-tech María Salgado e o repertorio popular do colectivo galego AVO (Atlantica Vapora Orquestra). Ademais, do outro lado do Atlántico chegará a cantautora estadounidense Simone White co seu estilo folk electro-acústico.

A clásica terá o seu protagonismo con seis actuacións da Orquestra de Cámara Galega dirixida polo mestre Rogelio Groba, dedicadas a explorar as tradicións musicais rusa, brasileira, galega, italiana, escandinava e inglesa. Finalmente, a cantante madrileña Cynthia López Ucero “La Canija” poñerá a nota flamenca ao “Atardecer no Gaiás”, acompañada pola guitarra de Ricardo Espada.

O programa completo pode consultarse en www.cidadedacultura.org e, ao igual que na pasada edición, a entrada para todas e cada unha das actuacións será libre e de balde.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-06-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (facela-fest-2026.jpg) O FaCeLa Fest reúne este ano a 18 bandas, encabezadas polos ingleses Temples, os galegos Triángulo de Amor Bizarro, os asturianos Australian Blonde e as madrileñas Shego. Completan o cartel o novo proxecto lucense The Foolans, Bernal, Axolotes Mexicanos, Los Palms, Pacífica, Ripship, Error 97, Sigilu, Filophóbicas, Toldos Verdes, Las Yhadys, Aeronave Adolescente, Fotocopia e Sapo Bufo. O escenario principal trasládase nesta edición á Sala Tebras pero haberá tamén concertos noutros espazos da cidade, como o Bar Facela, no barrio da Tinería.
Foto de la tercera plana (educacion-responsable.jpg) Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino tamén ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente, dentro da vía de diálogo aberta entre Xunta e sindicatos. As propostas, que se elevarán aos órganos pertinentes coa previsión de comezar a aplicalas desde o novo curso que arranca en setembro, abordan melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.

Notas

O Espazo de intervención cultural NORMAL da UDC acollerá ata o 15 de setembro a exposición “A Coruña, porto negreiro”, unha mostra que propón unha revisión crítica da memoria colonial da cidade e ao seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas. Esta mostra expositiva fai un percorrido pola memoria colonial coruñesa e convida a recoñecer as pegadas que este legado deixou na arquitectura, na economía e no imaxinario urbano.
Seguir a 'tipsters' ou prognosticadores de xogos de apostas en redes sociais asóciase cunha maior intención de apostar entre adolescentes. Os menores que seguen a estas figuras amosan unha maior frecuencia de xogo e unha menor percepción do risco. Estas son algunhas da conclusións dun estudo realizado desde a Universidade de Vigo e a Universidad Miguel Hernández de Elche (UMH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES