Notas de prensa

“Gallaecia Petrea” abre as portas o 15 de xuño no Museo da Cidade da Cultura

‘Gallaecia Petrea’, unha das exposicións máis ambiciosas postas en marcha en Galicia, ofrece un percorrido pola historia da arte e da cultura galegas a través dun elemento tan importante e simbólico para Galicia como é a pedra. Pódese ver ata o 15 de decembro.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunica que o venres 15 de xuño terá lugar a inauguración da exposición Gallaecia Petrea, unha das mostras máis ambiciosas organizada na nosa Comunidade. A mostra será a primeira exposición do Museo da Cidade da Cultura de Galicia e, a través dela, o visitante poderá percorrer a historia da construción da cultura e da propia Historia de Galicia a través dun elemento tan emblemático e propio da nosa identidade como é a pedra.

Comisariada por Miguel Fernández-Cid, Gallaecia Petrea ocupará os 6.600 metros cadrados dos que dispón o Museo dividida en seis áreas: Xeoloxía, Prehistoria, Roma, Medieval, Moderna e Contemporánea. Cada unha delas está comisariada, á súa vez, por destacados expertos nesas áreas como son o Profesor Juan Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Geología Isidro Parga Pondal da Universidade da Coruña; Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez, arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; Antonio Rodríguez Colmenero, profesor ad Honorem da Universidade de Santiago; Ana Goy Diz, profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago; e Miguel Fernández Cid, director da Fundación Torrente Ballester.

Mércores, entrada libre e de balde

Gallaecia Petrea permanecerá aberta ao público dende o 15 de xuño ao 15 de decembro. Ata o 31 de agosto, o Museo permanecerá aberto todos os días en horario ininterrompido de 11:00 a 20:00 horas. Durante esta primeira fin de semana, todos os galegos terán a oportunidade de visitar a exposición totalmente de balde. A partir do luns 17 de xuño, a entrada terá un custo xeral de 4 euros, beneficiándose dunha reducida (2 euros) estudantes, familias numerosas, discapacitados, posuidores do carné xoven e grupos de máis de vinte persoas. Ademais, Gallaecia Petrea será de balde para menores de 18 anos, desempregados e xubilados e todos os mércores terá entrada libre e de balde para que ninguén perda esta oportunidade para ver unha das mostras máis ambiciosas de Galicia.

Ademais, a Cidade da Cultura de Galicia ofrece un servizo de visitas guiadas de balde, que terán lugar todos os días en dúas quendas: 12:30 e 16:30 horas. No caso de grupos, é preciso realizar unha reserva a través do correo [email protected] ou no teléfono 881 99 51 72.

Proxecto colectivo: 91 entidades e 76 investigadores

As pezas que integran esta exposición, algunhas de ata dez toneladas de peso, proceden de diferentes partes de Galicia, España e de Portugal, coa colaboración dun total de 91 institucións culturais, concellos e coleccionistas aos que a Xunta de Galicia quere manifestarlle o seu agradecemento. Gallaecia Petrea supón, polo tanto, un proxecto colectivo que conlevou unha exhaustiva investigación científica a cargo de 76 expertos, investigadores e profesores universitarios que dá como resultado non só a propia mostra, senón tamén un catálogo de máis de 600 páxinas que representa unha minuciosa investigación sobre o patrimonio galego.

Viaxe de séculos para Historia de Galicia

Na exposición, a pedra estará presente como elemento identitario, como elemento artístico e arquitectónico pero tamén como elemento de desenvolvemento, materia base dunha das industrias máis puxantes de Galicia (granito, lousa…). Inclúe unha aproximación dende a xeoloxía, na que, a través de presentación didácticas, explorase a Gallaecia como territorio onde se poden atopar algunhas das rocas máis antigas da Península. Ademais, a mostra englobará dende un petroglifo, como elemento exclusivo que en todo o mundo só se ten atopado en Galicia, ata pezas que os grandes da escultura galega contemporánea están a preparar para esta exposición como Francisco Leiro, Manolo Paz ou Silverio Rivas.

Escaparate do patrimonio galego

Gallaecia Petrea, ademais dunha plataforma de excepción para dar a coñecer o patrimonio galego aos milleiros de visitantes que se agarda que pasen polo Museo de Galicia, funcionará como distribuidor de visitantes, derivando o turismo aos diferentes puntos representados na exposición, de forma que o visitante descubra onde ir se quere saber máis sobre algún dos períodos ou territorios representados.

Mais Gallaecia Petrea non é só unha mera mostra expositiva, senón que conleva a rehabilitación, limpeza e posta a punto dalgunhas das obras para poder exhibilas ao público na mellor das condicións, converténdose, deste xeito, nun proxecto de rehabilitación patrimonial e cultural. Así, rehabilitaranse, por exemplo, obras da Catedral de Santiago de Compostela, do Museo Provincial de Lugo, da Catedral de Modoñedo, da Catedral de Lugo, da Catedral de Tui e do Museo Provincial de Pontevedra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES