
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou na presentación do Festival do Norte de Vilagarcía, que celebra a súa duodécima edición os días 27 e 28 de abril no recinto feiral Fexdega. Consolidado como unha das principais citas do calendario de festivais de música en Galicia, este ano ofrece as actuacións dun total de 18 grupos e djs con Los Enemigos, Fangoria, Love of Lesbian, Lori Meyers, La Casa Azul, El Columpio Asesino, Pegasvs e Polock como cabezas de cartel.
Durante a súa intervención no acto de presentación, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Juan Carlos F. Fasero, incidiu na traxectoria do Festival do Norte como modelo a seguir no que se refire á súa capacidade organizadora, viabilidade e creación de marca. Estas características transmiten, ademais, confianza cara á concreción de posibles patrocinios privados, facilitando deste xeito a consolidación e continuidade deste tipo de iniciativas.
Nova liña de axudas
Neste mesmo sentido, asegurou que a Agadic continúa apostando polos festivais de calidade, tanto a nivel artístico como organizativo, a través da creación da nova liña de subvencións que convocou esta mesma semana. Coa posta en marcha destas axudas, que reservan un total de 180.000 euros para os festivais música, a Consellería de Cultura e Educación busca optimizar os recursos públicos destinados a estes eventos, de xeito que o orzamento dispoñible sexa distribuído de acordo cunha serie de criterios cuantificables obxectivamente, así como da valoración do interese, singularidade e relevancia artística e cultural dos seus carteis.
Tomás Fole, alcalde de Vilagarcía de Arousa, e Pablo Bandín e Antonio Caneda, de Producciones Independientes Culturales, organizadora do Festival, participaron tamén nesta presentación, durante a que Fasero fixo fincapé na combinación entre patrocinio privado, apoio institucional e respaldo do público como a fórmula que garante a viabilidade dos festivais de música.
Como en anteriores edicións, o Festival do Norte celébrase en torno a tres escenarios: o Estrella Galicia, para os grupos cabeza de cartel; o Jack Daniel, onde actuarán Klaus & Kinski, Nancy Rubias, Varry Brava, Los Pilotos, Dirty Socks e Disco Las Palmeras!, e a carpa FDN Dance Club, onde terán lugar as sesións de djs.
A venda anticipada dos bonos para os dous días e con dereito a acampada, así como das entradas para cada unha das xornadas, está dispoñible na web www.servinova.com. O recinto, á carón do que se habilita a zona de acampada, abrirase o venres 27 ás 17.00 horas.
Ademais, a Radio Galega ten prevista unha emisión especial de 10 horas desde o festival, que inclúe a participación dos alumnos dos institutos da comarca como protagonistas dun programa que, baixo o título Busca o teu norte, se emitirá o sábado pola mañá desde o Auditorio Municipal.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.