Notas de prensa

Preséntase o catálogo Shorts from Galicia 2012 no Festival Clermont-Ferrand

A Consellería de Cultura presenta o catálogo “Shorts from Galicia 2012” no 34º Festival Internacional de Curtametraxes Clermont-Ferrand a través do Consorcio Audiovisual de Galicia. A cinta Birdboy, incluída no catálogo galego, candidata ao premio Goya 2012 á mellor curta de animación.

A Consellería de Cultura e Educación, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, asistirá ao 34º Festival Internacional de Curtametraxes Clermont-Ferrand, o máis importante a nivel europeo no seu xénero, para participar na 27 edición do Mercado Internacional de Curtametraxes que se organiza como parte do evento e que terá lugar do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro na cidade francesa. Compartirá stand en colaboración coa Agência da Curtametragem Portuguesa, como mostra da boa relación que une ao audiovisual dos dous territorios veciños, co fin de dar a coñecer conxuntamente a súa produción en pequeno formato.

No marco do evento, o Consorcio aproveitará para presentar o catálogo “Shorts from Galicia 2012”, unha compilación de sete curtametraxes galegas producidas nos últimos dous anos e seleccionadas coa colaboración dos tres festivais de curtas máis relevantes de Galicia (Festival de Cans, Curtocircuíto e FicBueu), nos que estas obras resultaron gañadoras e/ou finalistas.

As curtametraxes que compoñen o catálogo son Radiografía dun autor de tebeos (de Marcos Nine); Amistad (de Alejandro Marzoa); Gato encerrado (de Peque Varela); Birdboy (de Pedro Rivero e Alberto Vázquez); Estereoscopía (de Xacio Baño); Vicenta (de Sam Orti) e ¿De qué se ríen las hienas? (de Javier Veiga). Entre elas acumulan un total de 86 premios e unha traxectoria de preto de 260 seleccións en diversos certames, destacando a recente candidatura de Birdboy para os Goya deste ano na categoría de mellor curtametraxe de animación.

Esta publicación supón unha escolma representativa do traballo que se está a facer na nosa comunidade a nivel de pequeno formato nos seus diferentes xéneros (ficción, animación e documental). Consta dun DVD coas sete producións en versión orixinal e subtítulos dispoñibles en inglés e castelán, así como as fichas técnico-artísticas das curtametraxes e as biofilmografías dos directores nos dous idiomas. Para a súa promoción, o catálogo distribuirase nos festivais e mercados de referencia de todo o mundo nos que participa o Consorcio Audiovisual de Galicia, institucións involucradas na comercialización, programadores cinematográficos, así como televisións, organismos e profesionais relacionados co mundo da curtametraxe. Ademais, habilitarase unha versión dixital na nova web do organismo que será presentada proximamente.

A través desta iniciativa, a Consellería contribúe á difusión dun formato, o da curtametraxe, que non chega de forma sinxela ao público, ao non ter un acceso habitual ás canles de distribución e exhibición comercial.

Escaparate para o audiovisual galego

O Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, certame que se vén celebrando con grande éxito de convocatoria e público dende hai máis de 30 anos na cidade francesa do mesmo nome, é o máis prestixioso a nivel europeo e un dos principais do mundo no seu xénero. Para esta edición, o festival contará con máis de sete mil filmes de 120 países, para os que o mercado supón un enorme expositor, ao reunir aos principais distribuidores, programadores e compradores de toda Europa.

Auxe da animación galega

A animación producida na nosa Comunidade está a consolidar a súa calidade, acadando este ano importantes recoñecementos tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Mostra disto é que, ademais da candidatura aos Goya de Birdboy, codirixido polo coruñés Alberto Vázquez e incluído no catálogo Shorts from Galicia 2012, outras dúas cintas de animación galega aspiran a figurar no máis alto do palmarés nacional e internacional: The little Wizard.O mago Dubidoso (do tudense Roque Cameselle, producida por Deboura Cinema) tamén é candidata ao premio Goya 2012, neste caso como mellor longametraxe de animación, mentres que o filme Arrugas (de Ignacio Ferreras, producida pola coruñesa Perro Verde Films), que competirá polo mesmo galardón, conta ademais coa candidatura ao Goya polo mellor guión adaptado (de Ãngel de la Cruz) e está preseleccionada para os Oscars da Academia de Hollywood como mellor película de animación.

Por outra banda, o filme Meine Libe, codirixido pola coruñesa Laura Pousa e Ricardo Steinberg, tamén opta ao galardón dos Goya na categoría de mellor curtametraxe de ficción. No resto das producións, outro galego, Luis Tosar, aspira a acadar o seu cuarto premio Goya polo papel protagonista en Mientras Duermes (producida pola empresa Filmax, do galego Julio Fernández). Así mesmo, Galicia tamén estará representada nas localizacións dun dos filmes favoritos para os Goya deste ano, La piel que habito (de Pedro Almodóvar), rodada en parte no Pazo de Oca e en Santiago de Compostela.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2012-01-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES