
O ciclo Galicia Classics, promovido pola Xunta de Galicia no Ano da Música 2011, conclúe o 27 de decembro tras ofrecer trinta concertos ao longo de todo o presente ano na comunidade galega. O Teatro Colón da Coruña acollerá ás 20,00 horas o colofón ao ciclo cunha produción integramente galega, a posta en escena da ópera Dido e Eneas, obra mestra de Henry Purcell, que ofrecerá a coral xuvenil Cantabile. Pablo Carballido dirixe a orquestra, mentres J. Carlos Guerra Silva asume a dirección de escena con decorados e vestiario realizados para a ocasión na Coruña.
A actuación de Cantabile, un dos máis prestixiosos coros xuvenís de España, súmase ás que ao longo de todo 2011 ofreceron artistas de primeira fila internacional como Daniel Barenboim, Mischa Maisky, Elina Garanca, John Eliot Gardiner, Georges Prêtre, Thomas Hampson, Philippe Jaroussky ou Esa-Peka Salonen, entre outros, nas sete principais cidades galegas. Galicia Classics acolleu, ademais, dentro dos seus ciclos Made in Galicia e En Xira, espectáculos e concertos como a Opera dos tres reás, en colaboración co Centro Dramático Galego, o XIV Ciclo da Asociación Galega de Compositores, con máis de vinte estreas de autores galegos, "O Soño dourado", dedicado á figura de Cunqueiro no seu aniversario, e unha homenaxe á canción culta galega que protagonizaron a soprano Carmen Durán e o director Maximino Zumalave.
Despois da representación en Vigo con grande éxito, o pasado 18 de decembro, Cantábile ofrecerá mañá unha última función, agora na Coruña, de Dido e Eneas, a obra que Henry Purcell (1659-1695) estreou nun internado para señoritas de Chelsea, e foi o primeiro fito da ópera nacional inglés. O seu libreto débese ao dramaturgo Nahum Tate (1652-1715) e está baseado na Eneida de Virgilio. A ópera conta a historia de amor de Dido, raíña de Cartago, e Eneas, heroe troiano. Só hai catro papeis principais e unha gran profusión de danzas e coros. Nesta ocasión, os roles de Dido e Eneas recaen en membros da propia Cantábile, Alberto Miguélez como alto e David González como barítono, respectivamente, dúas novas promesas do canto en Galicia.
É a primeira vez que Cantabile ten a oportunidade de realizar unha produción operística propia. "Trátase dunha proposta na que músicos, coro, cantantes, bailarins e directores saíron de conservatorios e centros de formación galegos", explica Pablo Méndez, responsable da agrupación. "Nunca antes unha formación deste tipo afrontara un proxecto de tal envergadura en Galicia e esperamos que sexa o primeiro de moitos outros destas características", engade. As entradas para a representación de mañá na Coruña xa están esgotadas.
Cantabile tratou de respectar ao máximo a música orixinal de Purcell, pero engadíronse algúns números do mesmo autor, "unha práctica moi estendida no barroco", segundo explica Méndez. A orquestra está integrada por instrumentos de época e "como parte do labor educativo e de formación de canteira vocal de Cantabile, algúns papeis dividíronse en máis dun intérprete para así poder ofrecer o reto de interpretar un rol solista a un maior número de cantores, o cal se fixo co máximo respecto á obra de Purcell". Cantabile xa participara o ano pasado no Xacobeo Classics coa estrea de Parsifal en Galicia, xunto á Royal Philharmonic de Liverpool baixo a batuta de Vasily Petrenko.
Vinte e tres estreas de autores galegos en 2011
Ao longo de 2011, o Galicia Classics ofreceu máis de vinte estreas doutros tantos compositores galegos, mentres se publicaron dous cedés cunha boa parte das obras ofrecidas en primicia en 2010 no precedente deste festival, o Xacobeo Classics.
Dentro do seu apartado titulado En Xira, o Classics programou concertos conxuntamente coa Asociación Galega de Compositores, que arrancaron o 22 de marzo no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Nesta citas participaron o Quinteto de metais Santa Cecilia, Quinteto de vento Pentafonía, Cuarteto de cordas Ginastera, Orquestra e Coro Gaos e o pianista Antonio Queija Uz. Programáronse obras de autores de hoxe como Manuel Alejandre, Gabriel Bussi, Yerko Ivànovic, Antonio Peña, Joám Trillo, Xavier Comesanha, Ermitas García Ríos, Iván Rodríguez Armán, Gloria Rodríguez Gil e Xoán Antón Vázquez Casas, entre outros, ademais de autores galegos históricos como Marcial do Adaíl, Andrés Gaos, Juan Montes e Sebastián Canuto Berea. En total ofrecéronse vinte e tres estreas.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.