Notas de prensa

A Academia Galega do Audiovisual pon en marcha un novo Foro Aberto na CDG

Os directores Eduardo Chapero-Jackson e Nacho Vigalondo ofrecen dúas clases maxistrais sobre novas maneiras de facer cine, durante o Foro Academia Aberta que se celebra na Cidade da Cultura de Galicia. A creatividade e a innovación enténdense como os motores do futuro do sector audiovisual.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos F. Fasero, asistiu á inauguración do Foro Academia Aberta, organizado pola Academia Galega do Audiovisual e que se celebra na Cidade da Cultura de Galicia. No acto, Juan Carlos F. Fasero estivo acompañado polo presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos; polo vicepresidente deste organismo, Jorge Coira, e polo director de cine Eduardo Chapero-Jackson, que ofreceu despois unha masterclass sobre novas formas de facer cine en España.

Durante a súa intervención, Juan Carlos F. Fasero definiu ao sector audiovisual como “estratéxico para a cultura galega” e destacou “a profesionalidade dos seus traballadores e a calidade da súa oferta” como os factores que lle permitiron acadar unha posición de referencia. O titular da Agadic fixo referencia aos “retos decisivos” aos que se enfronta a industria audiovisual nestes momentos, no que o sector “ten que superar o proceso de redefinición da produción e do consumo ao que obrigan as novas tecnoloxías”. Con todo, amosouse convencido de que “a chave para superar calquera desafío, pasado ou futuro, radicará no talento, a creatividade e a innovación”.

De feito, lembrou que a evolución deste sector foi “unha sorte de loita continua da que sempre saíu victorioso”, marcando un camiño no que, subliñou, “converteuse nun sobranceiro exemplo de industria cultural, capaz de xerar emprego e actividade económica e realizar chegas ao noso acervo cultural”. Fernández Fasero gabou a iniciativa da Academia Galega do Audiovisual de ofrecer durante as xornadas de hoxe e mañá as masterclass de Eduardo Chapero-Jackson e de Nacho Vigalondo, “dous directores que reúnen xuventude, talento e profesionalidade, que teñen traballado en case todos os eidos do audiovisual e que que xa recibiron diversos recoñecementos”.

Nesta liña, agradeceu á Academia Galega do Audiovisual que elixise a Cidade da Cultura como sede para a nova edición do seu Foro Academia Aberta e lembrou que “unha das metas deste complexo cultural é erixirse en punto de encontro para o diálogo”. “Nesta Cidade sempre haberá un espazo destacado para os pensamentos e as palabras de aqueles que traballan por e para a cultura de Galicia”, engadiu. Por iso, celebrou a oportunidade de acoller unha actividade dunha asociación “que reúne no seu seo a boa parte dos artistas, creadores e profesionais dun sector estratéxico da nosa cultura”.

Dúas clases maxistrais

A Academia Galega do Audiovisual presenta unha nova edición do seu Foro Academia Aberta. Nesta ocasión o tema será as novas formas de facer cine en España. Eduardo Chapero-Jackson, director da película Verbo, e Nacho Vigalondo, director de Los Cronocrímenes e Extraterrestre, impartirán sendas masterclass no Auditorio da Biblioteca de Galicia, na Cidade de Cultura.

Na súa clase, que terá lugar hoxe entre as 16,00 e as 20,00 horas, Eduardo Chapero-Jackson fará un achegamento a todos os ingredientes que compoñen unha obra cinematográfica, como son a natureza humana, a dramaturxia, a interpretación, a dirección de actores, a posta en escena, gramática visual, fotografía e iluminación, e arte, música e edición. O director empregará como exemplos algúns dos seus propios traballos e compartirá a súa propia experiencia e aprendizaxe cos alumnos.

Pola súa banda, Nacho Vigalondo ofrecerá mañá, xoves 22 de decembro, a súa masterclass. A través de exemplos propios e alleos, o director tentará desentrañar os motivos, mecanismos e debilidades que hai detrás da composición dunha secuencia cinematográfica. O cineasta analizará escenas da súa última película e doutros filmes de actores consagrados, estudando o porqué das decisións que hai detrás de cada plano.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES