
O Consorcio Audiovisual de Galicia da comezo á segunda edición das Master Classes AUGAL 2011-2002 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, coa proxección do documental Tralas luces, actualmente preseleccionado aos Goya da súa categoría. Esta iniciativa encádrase na área de formación do Consorcio Audiovisual, en concreto como unha extensión singular do seu programa Audiovisual nas Aulas.
Realizado por Sandra Sánchez, Tralas luces é a singular achega a unha familia de ambulantes que levan o seu espectáculo de coches de choque polas festas do Noroeste, centrándose na matriarca da familia. O filme participou na prestixiosa sección Zabaltegui da pasada edición do Festival de Cine de Donosti.
Promovido en colaboración co Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade e coordinado polos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, cos profesores Jorge Lens e Carlos Soutelo na elaboración do catálogo fotográfico, AUGAL 2011-2012 acóllese igualmente á vontade do Consorcio Audiovisual de Galicia de contribuír á difusión do audiovisual propio entre quen aspira a integrarse no futuro no sector, e ao tempo fai de Pontevedra e da súa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, un referente que se vai consolidando ano a ano.
O programa da presente edición complétase cos documentais: Digna rabia e Banaras me; a ficción Crebinsky; as animacións: Arrugas e a curta Gato encerrado; a obra experimental Cousas de Kulechov e a videocreación Os fabulosos irmáns da luz. A inscrición é gratuíta e está aberta a alumnos da facultade e interesados en xeral na materia audiovisual.
Fernanda del Nido
Despois de graduarse como licenciada en Ciencias da Comunicación na Universidade de Bos Aires (Arxentina), trasládase a España, onde afonda nos seus estudos ao realizar un posgrao, o Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) e o doutoramento Linguaxe, Ciencia e Antropoloxía na Universidade da Coruña. No ano 2008 gradúase no programa de formación para produtores independentes europeos EAVE (European Audiovisual Entrepreneurs).
No 2006 Fernanda del Nido funda Tic Tac Producciones, S.L., unha produtora galega independente que ten como obxectivo desenvolver e producir longametraxes, especialmente coproducións entre Latinoamérica e Europa.
Entre as súas producións e coproducións cómpre destacar, entre outras: Que culpa tiene el tomate (varios, 2009), Agua fría de mar (Paz Fábrega, 2009), 18 comidas (Jorge Coira, 2010), Tralas luces (Sandra Sánchez, 2011) e Polvo (Julio Hernández Cordón, 2011).
Sandra Sánchez
Estudia realización audiovisual e desde 1991 compaxina o seu traballo como directora/realizadora co de montadora, cun especial interese polo xénero documental.
Tralas luces é a súa primeira longametraxe, aínda que anteriormente xa dirixira documentais como Sueños desde el abismo (2006) e Aguiño, sobrevivir ao Prestige (2003), este último emitido en varios canais internacionais. Tamén foi responsable da dirección das series documentais Moito mar (2001) e 112 rescate (2002) e da serie de ficción Rías baixas (2003-2004), todas elas para a TVG.
A súa traxectoria como montadora é moi extensa. Cómpre mencionar as películas de ficción Rafael (Xavier Bermúdez, 2008), Doentes (Gustavo Balza, 2010); os documentais Vidas virtuales (Manane Rodríguez, 2011), Isaac (Xosé Abad, 2007) e series de televisión como Maridos e mulleres (2005), A casa de 1906 (2006), Rías baixas (2003-2004) ou Pequeno hotel (2002), entre outras producións.
Actualmente atópase traballando na fase de desenvolvemento da súa segunda longametraxe documental, Matavenero (rodaxe prevista para o período 2011-2012).
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.