Notas de prensa

O primeiro Diccionario Xurídico Galego é definido como "obra monumental"

“O primeiro Dicionario Xurídico Galego é unha obra monumental coa que a nosa lingua acode a unha nova cita coa historia”, afirmou o conselleiro de Educación Xesús Vázquez que presentou esta obra promovida por Política Lingüística e a Revista Xurídica Galega.

O galego conta cun novo recurso lingüístico para favorecer e facilitar o uso do idioma na actividade da xustiza. Trátase do primeiro Dicionario Xurídico Galego, unha obra promovida pola Revista Xurídica Galega e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que acaba de publicar Edicións Xerais de Galicia. “Esta obra monumental coa que a nosa lingua acode a unha nova cita coa historia”, segundo afirmou o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, foi presentada en Santiago de Compostela, na sede da Escola Galega de Administración Pública.

Xesús Vázquez asegurou no acto que “o mundo contemporáneo chama continuamente a lingua galega a citas ás que non pode deixar de acudir”. “Son citas –precisou– ás que o galego debe asistir vigoroso e capaz, o que, dito noutras palabras, significa que debe posuír os recursos lingüísticos e técnicos que fagan del un idioma útil na totalidade dos múltiples e complexos ámbitos nos que se estrutura a vida moderna”. Segundo explicou o conselleiro, “o dicionario que presentamos hoxe é unha obra monumental que debemos enmarcar dentro desta dinámica de citas e necesidades do mundo contemporáneo”.

O conselleiro de Educación congratulouse de que o seu departamento fose “un dos piares nos que se sustentou este magnífico edificio de saberes necesarios e útiles para Galicia e a súa lingua propia”. “Esta afirmación –engadiu– é tamén manifestación clara da miña firme vontade persoal de traballar e de apoiar toda iniciativa que teña como obxecto que a lingua galega e a sociedade que a fala acudan a cantas citas as convoque a historia”.

A transcendencia da obra

Respecto do enfoque do traballo, Xesús Vázquez afirmou que “a obra foi realizada a partir dun escrupuloso sentido de galeguidade, asumindo que o dicionario nacía en Galicia e que ía destinado a Galicia”. Con todo, precisou que esta condición “non suporá ningún atranco para que especialistas de espazos xeográficos, culturais e xurídicos ben afastados do noso acudan a el á procura do dato preciso e de saberes iluminadores”.

Xunto co conselleiro presidiron o acto o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; e os dous coordinadores do dicionario, os maxistrados Luciano Barreiro e Xosé Xoán Barreiro. Tamén interviron no acto o académico da lingua galega Manuel González González, coordinador do equipo de lingüistas que supervisaron a obra, e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.

Un recurso de grande utilidade

O Dicionario Xurídico Galego, que se veu desenvolvendo nos últimos catro anos, constitúe unha ferramenta de grande utilidade para avanzar na difusión do galego e tamén na calidade lingüística no ámbito xurídico. Este novo recurso facilitaralles aos profesionais da xustiza o exercicio da súa a actividade en galego, pero tamén é de utilidade para calquera persoa interesada en coñecer o significado dos conceptos esenciais do Dereito.

A publicación transcende os canons que a lexicografía establece para os chamados dicionarios descritivos temáticos ou profesionais. Polas súas características, constitúe un dicionario de tipoloxía enciclopédica no que, con absoluto rigor científico, e tamén con inmenso coidado, se aborda o complexo universo xurídico galego.

O dicionario foi posible grazas á contribución de máis de 130 profesionais do ámbito da xustiza –tanto de Galicia como de fóra comunidade autónoma–, baixo a dirección dos maxistrados Luciano Varela e Xosé Xoán Barreiro. Tamén colaboraron co seu labor de supervisión un equipo de catro lingüistas coordinado por Manuel González, membro da Real Academia Galega e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Primeiros cursos en liña de linguaxe xurídica galega

Ademais da publicación do dicionario, Política Lingüística deu novos pasos durante este ano para avanzar na difusión do galego na xustiza. Co fin de reforzar a capacitación lingüística do persoal da Administración de xustiza, a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2011 os primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas, que se sumaron á oferta dos cursos presenciais. En total, programáronse 86 cursos para as administracións autonómica, local e estatal.

Ademais, a secretaría xeral tamén colabora con diversas entidades de referencia no sector, como a Irmandade Xurídica Galega ou o Colexio de Avogados de Santiago, co obxectivo de contribuír coas actuacións que desenvolven a prol da difusión do galego no ámbito da xustiza.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-12-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES