A Xunta de Galicia promove do 2 ao 6 de decembro a internacionalización do audiovisual galego no mercado Ventana Sur que se celebrará na cidade de Bos Aires. O Consorcio Audiovisual de Galicia encabeza a presenza galega en Arxentina a través dunha delegación de 14 empresas audiovisuais que procurarán novas iniciativas de negocio mediante o contacto con produtoras de toda a área latinoamericana. Esta iniciativa conta asemade co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ao amparo do convenio establecido entre as dúas institucións para a internacionalización do sector.
Do 2 ao 6 de decembro, Ventana Sur acollerá diversas actuacións promovidas polo Consorcio Audiovisual entre as que destaca a proxección en pases de mercado (screenings) para as películas galegas con coprodución latinoamericana realizadas no período 2010 e 2011. O Consorcio conseguiu incluír 5 das 14 películas españolas que se presentan nestes pases dirixidos exclusivamente a compradores e vendedores do produto audiovisual. Asemade, durante o mercado de Bos Aires, presentarase oficialmente o catálogo de producións Films from Galicia 2012 ante institucións, xornalistas de prensa especializada e compradores presentes no mercado.
O Consorcio Audiovisual de Galicia organizará dous encontros dos produtores galegos con produtores de todos os países representados no mercado, por unha banda, e con produtores procedentes do Brasil, por outra. A través destas dúas xuntanzas, as 14 empresas galegas, Continental Producións, Frida Films, Tic-tac Producións, Adivina Producións, Artemática, Ficción Producións, IB Cinema, Cinemar Producións, Tv 7, Maruxiña Films, Vimbio Films, O Raio Verde, Matriuska Producións e Xamalú Filmes, terán a posibilidade de establecer contactos cara á coprodución de proxectos e á busca de novos formatos de traballo.
Ventana Sur é un mercado de recente creación, promovido polo INCAA (Instituto Nacional de Cine y Artes Audivisuales) de Arxentina en asociación coa organización responsable do Marché du Film de Cannes, o maior mercado audiovisual a nivel mundial. Neste foro danse cita un gran número de empresas produtoras de todos os países da área latinoamericana, xunto cuns 400 compradores e vendedores de produto audiovisual de todo o mundo.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.