
A nova compañía galega Funboa Escénica porá sobre as táboas do Salón Teatro de Santiago o venres 25 de novembro ás 20.30 horas a súa primeira produción, que leva por título Oiseau Rebelle. Creada, dirixida e interpretada polo dúo que compoñen Cristina Balboa e Paulina Funes, o espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) continúa coa súa programación e ofrece desta volta unha montaxe de teatro-danza verbal, plástico e sonoro, que dialoga acerca do imaxinario amoroso e desamoroso.
Estreado o pasado mes de xullo no Festival de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Oiseau Rebelle (Paxaro rebelde) é un espectáculo no que, segundo as súas creadoras, o corazón non só se presenta como metáfora senón como músculo e como alimento. Temas como o azar, a dor, a soidade, o ideal, ou o primeiro amor tamén están presentes neste traballo orixinal que conxuga arte sonora, arte plástica, vídeo, movemento, texto, performance, etc.
Diferentes formas de expresión
En Oiseau Rebelle, dúas performers íspense emocionalmente diante do público. Cada imaxinario que constitúe a peza nace da confluencia de dúas diferentes formas de expresión escénica. Por unha banda, Cristina Balboa móvese nun absurdo elaborado pero tamén cotián, que é utilizado como fío creador dun mundo propio, con leis propias, no que a palabra toma unha parte importante no eixo do seu discurso escénico. A súa forma humorística particular deriva en situacións escénicas que dialogan directamente co público, xogando coa cultura popular e os seus referentes xeracionais.
Paulina Funes, pola contra, móvese máis no campo das artes visuais, no desenvolvemento do seu imaxinario, que remite máis ao plástico, á performance, ao body art, ao teatro danza, no que á imaxe-tempo cobra unha grande importancia. O seu interese creativo é xerar atmosferas que debuxen e perfilen o tema en cuestión.
Novo concepto de teatro
Funboa Escénica é unha compañía galega que nace da man de Cristina Balboa e Paulina Funes, coa intención de crear novas ideas para dar acubillo ao teatro máis contemporáneo e a novas formas de entender o teatro como arte escénica.
Para o financiamento da súa obra debut utilizaron o sistema do crowdfunding, mediante a presentación do proxecto en Verkami, un portal de Internet dirixido a creadores independentes que buscan a través de pequenas achegas individuais de mecenas a cantidade económica necesaria para materializar as súas ideas nun prazo de corenta días.
As entradas para Oiseau Rebelle poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.