O dúo Lobalú, integrado pola cantante Najla Shami e o guitarrista Héctor Lorenzo, protagoniza o mércores, 2 de novembro, no Salón Teatro de Santiago unha nova cita do ciclo de concertos ST Música Presente, que organiza a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo. Na súa actuación, que dará comezo ás 21.00 horas, soarán os temas do seu disco de debú, Haikus, editado polo selo Inquedanzas Sonoras.
No seu primeiro traballo discográfico, a ampla bagaxe conxunta destes dous músicos composteláns materialízase nunha ducia de temas interpretados en galego e de grande sonoridade que segundo eles mesmos explican navegan entre a música galega, a brasileira e o jazz cun son moi persoal e cheo de cor. Construídas a partir da sinxeleza da voz e da guitarra, a estas composicións fóronse sumando as achegas doutros destacados nomes da escena musical galega en moi diferentes estilos. Entre eles, Quim Fariña, Sérgio Tannus, Álvaro Vieito, Alfonso Calvo e Miguel Queixas, que os arrouparán así mesmo sobre o escenario do Salón Teatro xunto con Carlos Freire, Serginho Sales e Paula Pintos.
Najla Shami e Héctor Lorenzo principian a súa colaboración musical no verán de 2004 a raíz sa súa participación no festival Feito a Man de Santiago de Compostela. A partir dese momento, inician unha traxectoria común, aberta ao traballo con numerosos colaboradores, da que cinco anos máis tarde xurde o seu proxecto como dúo Lobalú. Baixo este nome, en 2009 comezan a dar forma ao seu disco de debú, Haikus, gravado con Arturo Vaquero e Jahel Piñeiro nos estudios Abrigueiro de Friol.
Público especializado
O de Lobalú será o segundo dos concertos desta terceira entrega de ST Música Presente, trala actuación ofrecida o pasado 11 de outubro pola banda viguesa The Blows. A prioridade deste programa é ofrecerlles ás discográficas galegas unha canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia. Os concertos ábrense, así mesmo, a todos os espectadores interesados, para o que se establece un prezo especial de 5 euros por entrada.
As próximas citas do ciclo terán lugar o xoves 24 de novembro, coa presentación de Entretelas, o novo traballo discográfico de Fon Román; e o martes 13 de decembro, co concerto do trío Vaamonde, Lamas & Romero, que interpretará en directo os temas de O tambor de prata.
Venda de entradas
As entradas para a actuación de Lobalú, así como para o resto dos concertos de ST Música Presente, poden adquirirse través da billeteira electrónica da web entradas.novacaixagalicia.es e do teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do Salón Teatro, poranse á venda dende dúas horas antes do comezo de cada concerto.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.