Notas de prensa

A mostra sobre o Camiño do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda, na cidade alemá de Kiel

A mostra "Camiño de Santiago. unha visión dende Oriente", do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda, exhíbese no Instituto de Lingua e Cultura Españolas da cidade alemá de Kiel ata o 26 de novembro. Amósanse as imaxes tomadas polo fotógrafo xaponés durante as dúas peregrinacións que realizou a Santiago de Compostela.

A cidade alemá de Kiel acollerá desde o venres 28 de outubro, a mostra fotográfica Camiño de Santiago. Unha visión desde Oriente do artista xaponés Tomohiro Muda. Tras o seu paso por Hamburgo, a exposición viaxa a Kiel, patrocinada pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo coa colaboración do consulado español en Hamburgo, a Sociedade Germano-Iberoamericana e o Instituto de Lingua e Cultura Españolas, onde permanecerá aberta ao público ata o 26 de novembro.

Camiño de Santiago. Unha visión desde Oriente é o resultado da particular mirada do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda sobre a ruta xacobea tras dúas peregrinacións que deixaron nel unha fonda pegada. Declarado entusiasta do románico e das peregrinacións, o seu traballo xa foi exposto en París no ano 2008 e posteriormente en Wakayama (Xapón), Tokyo, México D.F. e Santiago de Compostela. O ano pasado, durante a celebración do Xacobeo 2010, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo levou esta mostra fotográfica por varios concellos do Camiño Francés. Deste xeito, comezou a súa itinerancia en Palas de Rei, para logo viaxar a Ames, Dumbría e Muxía, rematando o seu percorrido no faro de Fisterra.

O fotógrafo Tomohiro Muda naceu no ano 1956 na Prefectura de Nara, en Xapón. En 1982 empezou a súa carreira como profesional independente, presentando seis anos despois a súa primeira exposición, A Terra de Sherpa, con fotografías que tomou na localidade de Sherpa, no Himalaia. Máis tarde viaxou por todo o mundo recollendo imaxes de arte xaponesa, románica e bizantina, así como tamén de ruínas budistas e pintura rupestre china, no Borobudur, Angkor e Ajanta. Estas fotos reuníronse baixo o tema Espazos de oración, formas de oración en exposicións fotográficas e publicacións. Muda tamén expuxo numerosas fotografías como as que compoñen as coleccións fotográficas centradas na "luz" e a "presenza", que inclúen Roma, O muro do tempo, Cara de Ferro e Retratos de Poli, cidade italiana entre montañas.

A cidade alemá de Kiel tamén acollerá ‘Leccións Xacobeas’, un conxunto de conferencias que transcorrerán entre o 31 de outubro e o 6 de febreiro de 2012 e que contan co patrocinio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. A conferencia que porá en marcha o ciclo será impartida polo técnico da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul baixo o título ‘O Camiño de Santiago como espazo ritual’.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-10-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES