
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle o xoves, 27 de outubro, o concerto de Adam Cohen no marco do Ciclo Galicia Importa. O cantante e compositor, fillo de Leonard Cohen, presentase por primeira vez en España e farao nunha xira con só tres paradas: Madrid, Barcelona e Santiago.
Neste concerto, que comeza ás 21,00 horas e que abrirá o violonchelista Mai Bloomfield, Adam Cohen presentará o seu novo disco, que leva por título Like a man e que lanzou o pasado 3 de outubro. As entradas para asistir a esta actuación poden adquirirse través das canles habituais do ciclo: a páxina web www.servinova.com, o teléfono 902 43 44 43 ou das tendas Discos Elepé en Vigo, Discos Gong en Santiago e Discos Portobello en A Coruña.
Estas actuacións de Cohen en España forman parte dun conxunto de espectáculos de ton intimista, con aforamentos reducidos e contacto directo co público. Nado en Montreal en 1972, o fillo de Leonard Cohen comezou pronto a familiarizarse coa música, aprendendo a tocar a batería, o piano e a guitarra. A súa carreira musical comezou cando asinou con Columbia Records para acadar o éxito como compositor para outros artistas como Bette Midler.
O seu álbum homónimo publicado no 1998 foi aclamado polo New York Times como un prometedor inicio, chegando ás radios comerciais con éxitos como Cry Ophelia. Adam tamén lanzou un disco en francés, no que contou coa voz da actriz Virgine Ledoyen. Uns anos máis tarde, uniuse á banda de rock Low Millions. No 2007, Adam Cohen subiuse ao escenario en Barcelona nunha homenaxe a Leonard Cohen e cantou por vez primeira unha das cancións do seu pai en español. Adam Cohen lanzou este mes un álbum íntimo e romántico no que se deixa ver o eco do seu proxenitor.
Enmarcado na celebración en 2011 do Ano da Música, Galicia Importa ofrece unha programación regular con grupos ou artistas que nunca visitaron Galicia ou que pola súa traxectoria, estilo ou relevancia, merezan ser presentados ao público galego en actuacións únicas e formatos especiais.
Na mesma liña que na pasada edición, o Galicia Importa continua apostando por un prezo notablemente máis baixo na venta de localidades que os concertos dos mesmos artistas noutras cidades da Península, para facilitar así que a música en vivo chegue aos milleiros de seguidores cos que conta en Galicia. Nesta edición 2011 xa puidemos gozar da música de Pete Doherty en Santiago; de Jay Jay Johanson na Coruña; do estadounidense M. Ward e o británico Patrick Wolf en Vigo, e do americano Bonnie Prince Billy na cidade herculina.
Xa en novembro, será a quenda do cantante de soul Aloe Blacc, que actuará o día 6 dese mes na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Este mozo californiano, ao que moitos sinalan como herdeiro de Marvin Gaye, interpretará os temas do seu último disco, titulado Good Things e que o converteu na gran revelación do soul actual.
Dous días despois, o 8 de novembro, o Teatro Rosalía de Castro de A Coruña acollerá o concerto da cantante Bettye Lavette, recoñecida como unha das grandes voces do soul. Compañeira de xeración de Aretha Franklin ou de Diana Ross, nos últimos anos estivo presente nos festivais máis prestixiosos de jazz, blues ou soul, ademais dos seus shows en recintos emblemáticos como o Apollo de Nova York ou o Royal Albert Hall de Londres.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.