Notas de prensa

A ópera dos tres reás pecha a primeira xira como a obra máis vista da historia do CDG

A versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill que dirixiu Quico Cadaval e protagonizou Luis Tosar, A ópera dos tres reás, remata a súa distribución como a obra máis vista na historia do CDG cun total de 19.700 espectadores contabilizados.

O último espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), A ópera dos tres reás, rematou o seu período de distribución cun balance de 19.700 espectadores, polo que pasa a ser a produción máis vista da historia da compañía pública galega, despois de finalizar unha xira de tres meses de duración na que ofreceu un total de trinta e catro funcións en doce localidades, dentro e fóra de Galicia.

Esta marca final de público sitúa a versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill que dirixiu Quico Cadaval e protagonizou Luis Tosar entre as producións con maior éxito, non só na traxectoria do CDG senón de todo o teatro galego, tanto desde o punto de vista das cifras absolutas, como da porcentaxe de ocupación dos espazos onde se exhibiu e da súa proxección exterior e mediática, xa que contou cun amplo seguimento por parte da prensa especializada, xeral e local.

Con A ópera dos tres reás, título co que se materializou un dos principais proxectos da directora do CDG, Blanca Cendán, a unidade de produción da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) enfrontou favorablemente o seu primeiro espectáculo musical de gran formato (contou cun extenso equipo artístico e técnico de máis de 50 persoas, entre eles, 11 actores e actrices e 9 músicos) grazas ao patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura.

Xira española

Na súa xira española –para que se traduciron os textos dialogados, mentres que as cancións se mantiveron en galego con sobretítulos– esta montaxe de factura integramente galega foi vista por 9.477 espectadores en 18 funcións, ocupou un lugar destacado nas carteleiras dos cinco espazos onde foi exhibida e en moitos deles esgotou as localidades dispoñibles.

Así, cómpre salientar a súa estadía de dúas semanas no Teatro Fernán Gómez de Madrid con cheos absolutos nas nove representacións ofrecidas, a clausura do Festival Internacional de Teatro, Música e Danza de Las Palmas de Gran Canaria (na que foi a primeira visita do CDG a estas illas) ou a inauguración da temporada escénica do Teatro Principal de Zaragoza.

Equipo

Baixo as ordes de Quico Cadaval na dirección escénica, Luis Tosar encabezaba un elenco de once actores galegos que defenderon unha esixente e vertixinosa posta en escena, con preto de vinte números musicais ao longo de dúas horas e media de representación.

Ademais de Tosar, para quen este papel supuxo o regreso ás táboas despois de cinco anos dedicado con gran éxito e case en exclusiva á súa carreira cinematográfica, completaban o equipo actoral Marcos Orsi, Muriel Sánchez, Begoña Santalices, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta. Xunto con eles, sobre o mesmo escenario e seguindo a batuta do director musical Diego García Rodríguez, unha banda de oito músicos –Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich– executaba en directo a partitura deste clásico do século XX.

Na ficha artística deste proxecto figuraron, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento desta produción xunto co equipo técnico propio do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asinou a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións ao galego, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Guillermo Vázquez, do deseño de son; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-10-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES