
O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia a publicación Folks from here and there, tradución ao inglés da obra Xente de aquí e de acolá de Álvaro Cunqueiro do que en 2011 se cumpren cen anos do seu nacemento. No acto, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López Rodríguez, e polo tradutor e codirector da editorial Small Stations Press, Jonathan Dunne.
A presentación desta obra coincide co centenario do nacemento do escritor mindoniense e co Día Internacional da Tradución, que se celebra hoxe, venres 30 de setembro. No seu discurso, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou que Folks from here and there, da editorial Small Stations Press e traducido pola profesora Kathleen March, supón o primeiro libro de Cunqueiro editado en inglés nos últimos quince anos.
O conselleiro agradeceu a Kathleen March, primeira presidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos, o seu traballo para verter ao inglés a prosa única do autor mindoniense, nun acto que constitúe un novo chanzo na reivindicación da súa universalidade. Engadiu que, cen anos despois, a fascinación pola obra de Cunqueiro non ten minguado; ao contrario, a súa perenne orixinalidade garántelle un posto entre os escritores máis anovadores do século XX.
Roberto Varela gabou a importancia de Folks from here and there, ao tempo que recoñeceu que non é doado traducir a Cunqueiro, principalmente pola riqueza do seu léxico, pola súa facilidade para xogar coas palabras e pola súa sintaxe. Nesta liña, sinalou que tamén é unha gran responsabilidade traducir a un tradutor e asegurou que editar este libro significa honrar a alguén que cualificou a tradución de escola e fiestra. Folks from here and there é unha homenaxe a un home preocupado como poucos por achegar literatura e lectores, engadiu.
No seu discurso, o titular de Cultura e Turismo lembrou unhas palabras do propio Cunqueiro nas que aseguraba que hai que traducir ao galego aquilo que é urxente que sexa dito entre nós. Hai que botarse fóra e dicir con boca doutros, mais feito noso- aquilo que os galegos deben saber. Nesta ocasión, o conselleiro apostou por dar volta ás súas palabras e afirmar que é preciso dicirlle ao mundo aquilo que debe saber acerca dos galegos.
Roberto Varela recoñeceu que, para lograr este obxectivo, Xente de aquí e de acolá preséntase como unha gran elección, xa que lembrou que na triloxía que compón canda Escola de Menciñeiros e Os outros feirantes, Cunqueiro afástase dos Sinbad, Merlín ou Hamlet e achégase ás nosas xentes, ás nosas terras e aos nosos costumes. O lector anglófono que se adentre en Folks from here and there coñecerá de primeira man o talento dun dos grandes xenios da literatura galega e, ao tempo, achegarase á cultura popular de Galicia e á esencia das nosas xentes, aseverou.
Proxección da cultura galega
Por todo isto, Roberto Varela amosouse convencido de que este volume contribúe a proxectar a cultura e a identidade da nosa terra ao tempo que lembrou que a tradución de textos fundamentais da literatura galega ao inglés é un labor no que estamos a traballar con decisión desde a Consellería de Cultura e Turismo. Nesta liña, recordou a publicación de dúas antoloxías das nosas letras e a obra poética de Lois Pereiro, ademais do libro de Álvaro Cunqueiro.
O conselleiro rematou a presentación agradecendo o traballo de Kathleen March e a colaboración de Jonathan Dune na tradución e edición da tradución ao inglés de Xente de aquí e de acolá no centenario do nacemento do autor. Para rematar, Roberto Varela subliñou que Galicia é unha terra de grandes creadores e de excelente literatura polo que apostou porque a obra dos nosos escritores sexa cada vez máis coñecida e, sobre todo, máis lida. Folks from here and there axudaranos a seguir crecendo nese camiño, engadiu.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.