Notas de prensa

A Casa de Galicia en Madrid conmemora o centenario de Cunqueiro

A profesora Monserrat Mera falou sobre o ilustre “fabulador” de Mondoñedo “cuxas palabras non perderon vixencia”. Tras un relatorio en Harvard sobre o xornalismo de Cunqueiro, a estudiosa do escritor galego confesa a súa sorpresa polo interese suscitado pola súa obra.

A Casa de Galicia en Madrid acolleu onte a conferencia “Álvaro Cunqueiro e o Xornalismo”, que pronunciou a profesora lucense Monserrat Mera Fernández, especialista no autor galego. Con este acto, a Casa de Galicia únese á conmemoración do centenario do seu nacemento, que se cumprirá o 22 decembro, “na moi nobre vila de Mondoñedo” como lle gustaba dicir ao insigne escritor.

O delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López destacou na presentación a importancia deste día “tanto pola confereciante como pola personaxe tratada. Mondoñedo e Cunqueiro son palabras máxicas repletas de soños e silencios. Ónega recordou as palabras de Cela para definilo, “ese fermoso anaco de terra no que presumen de facer dos silencios a súa festa perpetua, vila desde a que ou mundo vese amodo” e por iso “a Cunqueiro hai que lelo amodo, sen présa, saboreando o seu estilo, a forma, o que conta...”.

A relatora, Monserrat Mera, fixo un repaso pola biografía de Cunqueiro, que ilustrou con diversas imaxes, algunhas inéditas como a do carné de prensa que puido localizar grazas ás investigacións realizadas e que publicou en numerosos artigos, libros e colaboracións.

Cunqueiro herdou da súa nai o amor pola lectura e do seu pai, boticario, a súa admiración pola natureza. Estudou Filosofía en Santiago “aínda que do mesmo xeito que no Instituto se pasou máis horas na biblioteca que nas aulas”, explicou Mera. Pese a que era un fabulador nato, tamén se sentía xornalista, “unha relación amor-odio que expresou en múltiples ocasións”.

“A maior achega de Cunqueiro ao xornalismo é "O envés", unha columna que publicou durante vinte anos en Faro de Vigo, para paliar os efectos negativos do xornalismo e na que recorre ao antiperiodismo e dá noticia da cara oculta das noticias”.

“A pesar do tempo que transcorreu desde a súa publicación, a maior parte das columnas xornalísticas de Cunqueiro seguen sendo actuais, seguen tendo vixencia. Algunhas ata poderían publicarse hoxe mesmo sen problemas; só habería que cambiar o quen e o cando (en ocasións o onde)”, dixo Mera e leu varios retrincos de artigos que así o confirman.

Como curiosidade, Mera comentou que “este verán estiven nunha estancia investigadora en Harvard e tiven a oportunidade de dar unha charla alí sobre o xornalismo de Cunqueiro e sorprendeume que os seus textos e a súa visión do mundo resultasen tan interesantes a persoas que, na súa maioría, descoñecían a súa obra”.

Pechou o acto o director, tras un breve coloquio no que se comparou aspectos de Cunqueiro con García Márquez. Por alusións interveu a escritora Marta Rivera da Cruz –especialista en G. Márquez- para recordar que, efectivamente, “Márquez tiña unha avoa galega, na súa obra citou a Cunqueiro e ambos tiñan en común unha gran influencia da tradición oral”. A idea final, coa que todo o mundo estivo de acordo pronunciouna Ónega: “no centenario do nacemento de Cunqueiro é unha estupenda desculpa para volver lelo e é a mellor homenaxe que podemos redirlle”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES