Notas de prensa

A Egap acolle do 28 ao 30 de setembro un encontro sobre a xestión dos recursos ambientais en Galicia organizado por Sogama

Promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e dirixido polo presidente de Sogama, Luís Lamas, o principal obxectivo deste evento non é outro que o de dar a coñecer as potencialidades do medio ambiente galego desde a dimensión ecolóxica, social e económica.

A xestión dos recursos ambientais en Galicia centrará o Encontro que acollerá a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, do 28 ao 30 de setembro. Promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), a organización do evento corre a cargo de Sogama, actuando o seu presidente, Luís Lamas, como director do mesmo.

O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer as potencialidades do medio ambiente galego no ámbito ecolóxico, social e económico, así como a súa contribución ao desenvolvemento sostible da nosa comunidade. Para isto contarase coa participación de estudiosos e expertos na materia, pertencentes tanto á administración como á universidade e empresas do sector.

EXPERTOS DE ALTO NIVEL

Neste sentido, cabería destacar a intervención do Director Executivo do Observatorio da Sostibilidade en España, Luis M. Jiménez, quen falará da sostibilidade no noso país e no marco europeo, definindo con precisión o seu alcance, factores que inflúen na mesma e obxectivos cara aos cales debe avanzar. Así mesmo, o Director Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural, Ricardo García Borregón, abordará distintas cuestións asociadas á protección e coidado do medio natural, e a Subdirectora Xeral de Produción e Consumo Sostibles do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Ana Rodríguez Cruz, profundizará nas máximas que lideran a nova Lei Estatal de Xestión de Residuos e as súas implicacións para as institucións, o tecido empresarial e a cidadanía de a pé.

A educación ambiental tamén ocupará un destacado lugar, toda vez que o profesor de Psicoloxía Social e Ambiental na Universidade da Coruña, Ricardo García Mira, insistirá na súa importancia vital para o modelo de desenvolvemento cara ao que debemos avanzar e onde a concienciación e sensibilización ambiental da poboación constituirá o eixe das distintas actuacións a levar a cabo.

A xestión dos residuos urbanos centrará en gran medida os contidos da segunda xornada, día 29, onde a Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia, María José Echevarría, exporá os aspectos máis relevantes do Plan autonómico definido para o período 2010-2020, cuxos principais retos pasan por reducir a produción de residuos nun 10 por cento e incrementar as taxas de reutilización e reciclaxe ata alcanzar o 30 por cento (fronte ao 10 por cento anual). Todo isto traducirase nunha diminución das cantidades de residuos a eliminar a través de vertedoiro, desviando a este tan só as fraccións que non poidan ser obxecto de valorización. Con tal motivo, o plan contempla a construción de novas infraestruturas industriais que, ademais de aliviar a presión sobre Sogama, cuxas instalacións centrais se atopan sobresaturadas, permitirán aplicar o principio de proximidade, é dicir, que os refugallos se traten preto dos lugares de xeración, minimizando as emisións de CO2 derivadas do transporte, de especial transcendencia nunha comunidade con gran dispersión de poboación.

Acto seguido, o profesor de Enxeñaría Química e Director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Manuel Soto, falará da compostaxe a pequena escala, incidindo fundamentalmente na compostaxe doméstica e o proxecto que, desde hai meses, a UDC está levando a cabo en colaboración con Sogama ao transformar en compost a materia orgánica producida nos comedores da Escola Superior de Arquitectura e a Facultade de Filoloxía, ambos centros emprazados no Campus da Zapateira.

Xa pola tarde, o grupo trasladarase ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, onde o seu presidente presentaralles o cometido desta entidade pública, que xestiona a día de hoxe o lixo producido por 296 concellos, atendendo a máis 2.316.000 habitantes, o que vén a representar en torno ao 82 por cento dos desperdicios producidos en Galicia.

O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE PECHA O EVENTO

Tendo en conta o escenario de crise enerxética no que nos atopamos inmersos, a enerxía cobrará especial relevancia o último día, contando co xefe da área de enerxías renovables do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Nicolás Vázquez, quen se encargará de dar a coñecer os desafíos actuais no ámbito enerxético, así como asperspectivas de futuro das enerxías renovables e os combustibles alternativos.

E dado que o I+D+i constitúe un dos alicerces sobre os que debe pivotar o desenvolvemento económico dun país, o presidente da Plataforma Tecnolóxica Galega de Medio Ambiente (ENVITE), Enrique Valero, á súa vez Director da Escola de Forestais da Universidade de Vigo, amosará a situación e posibilidades do I+D+i ambiental para as compañías do sector.

O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, será o encargadp de poñer fin ao curso cun acto de clausura no que tamén participará o Director da UIMP en Galicia, Xosé Luís Barreiro.

Mª Esther Campos Mosquera (Responsable de Comunicación Sogama), 2011-09-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES