Notas de prensa

Benestar pon en marcha o III Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014

A conselleira de Traballo e Benestar destaca que a nova ferramenta estratéxica servirá para dar resposta á realidade e retos do eido do voluntariado.

A Xunta de Galicia vén de presentar o III Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014, unha nova ferramenta coa que o Goberno galego pretende responder á realidade presente e aos retos que na actualidade o eido do voluntariado presenta na nosa comunidade autónoma.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe o documento estratéxico en cuxa redacción participaron desde asociacións do eido social como Cogami, Cruz Vermella ou Cáritas ata colectivos ecoloxistas, universidades e concellos. Na súa redacción, en concreto, máis de 800 entidades do eido do voluntariado tiveron a oportunidade de realizar achegas a este documento, tal e como destacou Mato.

O plan inclúe un total de 89 accións para executar que se aglutinan en tres áreas de intervención- sensibilización, apoio e coordinación- e sete ámbitos para acadar obxectivos específicos: difusión; reflexión e estudo; promoción; formación; xestión; coordinación e cooperación. Cada un destes ámbitos serán desenvolvidos polas liñas estratéxicas do plan que suman 19.

Entre as accións propostas, Mato destacou a aposta da Xunta neste plan polo voluntariado xuvenil. Neste eido, indicou que a comunidade autónoma de Galicia desenvolverá por primeira vez un programa de servizo de voluntariado xuvenil, que, de feito, anunciou que xa se está a executar.

En concreto, explicou que esta iniciativa conta cun orzamento de 90.000 euros e apuntou que na mesma están a participar 25 concellos e 36 entidades de acción voluntaria.

O programa consiste nunha plataforma para poñer en contacto ás persoas con vocación voluntaria e ás entidades que impulsan accións deste tipo, sexan asociacións, organizacións ou concellos. No primeiro ano da posta en marcha deste servizo novidoso, desde a Xunta estímase que se desenvolverán máis de 5.000 xornadas de actividades voluntarias en toda Galicia.

Ao respecto, a conselleira indicou que os participantes poderán obter nestas xornadas o certificado oficial de educación non formal, “polo que iniciamos así o necesario camiño do recoñecemento explícito destas actividades para incorporar ao currículo destas persoas”, subliñou.

Lei de Acción Voluntaria

Ademais da promoción do voluntariado xuvenil, Mato destacou outras medidas deste plan coas que se dan resposta ás actuacións contempladas na futura Lei de Acción Voluntaria, que comezará a súa tramitación parlamentaria no último trimestre deste ano.

Destacou destas accións a creación en 2012 do Observatorio Galego de Acción Voluntaria, que será un órgano de investigación e formación e establecerá sistemas de información e documentación. Terá como un dos principais obxectivos a realización dun estudo anual que actualizará a diagnose sobre acción voluntaria en Galicia.

Así mesmo, a través deste plan tamén se porá en marcha o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Esta ferramenta recollerá o rexistro de entidades de acción voluntaria, que xa existe, e incorporará, como novidade, a posibilidade de que as persoas voluntarias poidan acreditar a través dun certificado oficial a súa experiencia e participación en programas ou proxectos de acción voluntaria. Desta forma, poderán certificar a súa experiencia de educación non formal adquirida.

Como órgano da acción voluntaria, manterase o Consello Galego de Voluntariado, que pasará a denominarse Consello Galego de Acción Voluntaria. Será un órgano de participación, coordinación, asesoramento e de consulta no que, como novidade, se dará máis protagonismo na súa composición ás entidades de acción voluntaria. En concreto, pasarán de ter de 6 a 8 vocais, aos que tamén suman outra vicepresidencia. A súa posta en marcha está prevista para 2012.

3.000 persoas en formación

Por outra banda, a conselleira fixo fincapé en outras medidas que inclúe o III Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014 e que xa están en marcha como é o caso das accións destinadas á formación.

Neste sentido, Mato expuxo que “a Consellería de Traballo e Benestar seguirá a apostar pola educación non formal como viña a facer ata o de agora”. De feito, afirmou que o Plan de Formación 2011 posto en marcha este ano recolle un total de 28 accións diferentes, todas elas gratuítas tanto para os voluntarios como para as entidades de acción voluntaria. Este cursos, nos que están a participar máis de 3.000 persoas, son froito das propostas que en materia de formación nos achegan as propias entidades de acción voluntaria.

O Plan tamén seguirá a fomentar o voluntariado de persoas maiores. A intención é a de promover a acción voluntaria entre as persoas deste colectivo, co fin de favorecer a participación social activa dos nosos maiores.

Por outra banda, o Goberno galego apoiará tamén a través desta ferramenta estratéxica, o voluntariado que desenvolven as persoas con discapacidade e ás entidades que desenvolven programas con este colectivo.

Outras accións que tamén inclúe o documento estratéxico que hoxe se presentou son: a colaboración entre as entidades e os centros educativos en proxectos concretos de acción voluntaria e en actividades de iniciación ao voluntariado; a promoción da participación do voluntariado como apoio nos grandes eventos sociais, culturais e deportivos que teñen lugar en Galicia; o impulso aos programas de voluntariado corporativo, como unha das liñas fundamentais dentro das políticas de responsabilidade social corporativa das empresas; a consolidación dun programa estable de voluntariado e educación medioambiental; o deseño dun programa estable de voluntariado para a difusión, coñecemento, protección e recuperación do patrimonio cultural galego; e, por último, a promoción da participación das persoas voluntarias en proxectos de voluntariado europeo.

Diferenzas con outros plans

Con respecto, ás diferenzas deste documento sobre plans anteriores, a titular do departamento autonómico explicou que o III Plan Galego de Acción Voluntaria (2011-2014) establece un procedemento de avaliación, mediante o cal se tratará de analizar se se teñen acadados os resultados propostos. Como criterios de avaliación tomaranse en conta a eficacia, eficiencia, calidade e a satisfacción das accións implementadas.

Por último, Mato indicou que con este plan contribuirase a promover a participación cidadá, a fortalecer as entidades de acción voluntaria, reforzar a coordinación entre os diferentes axentes e desenvolver estruturas para acción voluntaria, entre outros elementos que se consideran claves na promoción da acción voluntaria.

En definitiva, recalcou que “esta ferramenta supón unha nova planificación que se desenvolverá de aquí ao ano 2014” e incidiu en que foi un documento consensuado polos diferentes axentes da acción voluntaria en Galicia.

“Polo tanto, atopámonos ante unha ferramenta completa e moderna, cuxo desenvolvemento permitirá dotar a Galicia dos mellores instrumentos para ordenar, impulsar e respaldar a acción voluntaria”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, 2011-09-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (cambio-hora.jpg) En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'.
Foto de la tercera plana (oposicions.jpg) Un total de 15.733 persoas concorrerán ás oposicións de Educación deste ano 2026 segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo. Cómpre lembrar que, froito do acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e os sindicatos CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF, como novidade nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso. Isto provoca un descenso de case o 23% nas probas respecto á convocatoria do ano pasado. En concreto, 4.689 aspirantes menos. A Xunta de Galicia convoca para este proceso un total de 1.601 prazas, o que supón esgotar o 120% da taxa de reposición marcado polo Estado.

Notas

Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías. A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, Ãfrica e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe.
El próximo 1 de mayo, la localidad salmantina de Escurial de la Sierra acogerá la Primera edición del Festival Miña Ruliña, una iniciativa cultural promovida por el Centro Gallego de Salamanca que nace con el objetivo de acercar la música tradicional a toda la ciudadanía, promoviendo el conocimiento, la participación y el disfrute de un patrimonio que forma parte esencial de nuestras raíces.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES