
Este día ten como obxectivo facilitar o achegamento dos emprendedores e os novos empresarios a todos os servizos e apoios para impulsar e creación e a consolidación de novas iniciativas empresariais.
Nesta edición, á parte do evento central, que se desenvolverá en Santiago de Compostela o 25 de outubro, haberá itinerarios diferenciados para as provincias e Lugo e Ourense, como un servizo engadido de apoio ao emprendemento, no marco dos respectivos plans Impulsa. Deste xeito, e por primeira vez, o Día Emprendedor celebrarase este ano en tres cidades Lugo, Ourense e Santiago-, co obxectivo de achegar aos empresarios de toda Galicia esta plataforma para facilitar a creación e o financiamento de empresas, na que se presta especial atención a innovación, a mellora da competitividade e a internacionalización das sociedades de recente creación.
O Día do Emprendedor de Galicia inclúe itinerarios con relatorios e mesas redondas nas que se abordarán todos os chanzos do emprendemento, desde que unha persoa percibe que pode ter talento para emprender ata o desenvolvemento e consolidación da súa idea, pasando pola elaboración titorizada dun plan de empresa; desde o momento de dar os primeiros pasos ata chegar á internacionalización.
A primeira das xornadas programadas terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o vindeiro o 18 de outubro. Dous días despois, o 20 de outubro, celebrarase o encontro en programado en Expourense; para finalizar coa cita anual no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, o 25 de outubro.
O principal obxectivo destas xornadas sobre emprendedurismo é procurar que sexan de verdadeira utilidade práctica para os emprendedores, tanto para os que teñen un proxecto e precisan de apoio para poñelo en marcha como para os que buscan servizos ou apoios para facer crecer e consolidar o seu negocio.
Ademais dos relatorios sobre experiencias de éxito, financiamento ou internacionalización, contarase con actividades de dinamización, onde os novos emprendedores terán a oportunidade de entrevistarse con emprendedores ou directivos de prestixio.
Na edición deste ano, as redes sociais terán maior protagonismo, e impulsaranse as xornadas como uns espazos que favorezan o traballo en rede (networking). Ademais, provocarase o encontro entre as ideas emprendedoras e os posibles investidores, e haberá un punto específico de xuntanza para aqueles empresarios con necesidades comúns.
O 15 de setembro abrirase o prazo de inscrición na web www.diaemprendedor.com, onde tamén se poderá consultar o programa de
actividades, as novas sobre os relatores, os relatorios, talleres, actividades en rede, etc.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.