Notas de prensa

Caracoles do Gallo poderían incorporarse ao certificado Galicia Calidade

Trátase dunha empresa familiar do concello pontevedrés de Cotobade cunha produción innovadora que rolda as 12 toneladas ao ano. Aposta pola semiliberdade dos caracois e por unha alimentación natural que garante unha gran calidade.

A directora xeral de Comercio, Nava Castro, visitou a firma “Caracoles do Gallo” situada no concello de Cotobade acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, co obxectivo de estudar a súa posible incorporación ao certificado “Galicia Calidade”.

Ambos responsables autonómicos estiveron acompañados nesta visita polo alcalde da vila, Jorge Cubela, o director de Galicia Calidade, Carlos Vila e o xerente da firma, José Luis García.

Deste xeito, Nava Castro e Cores Tourís puideron comprobar o traballo que se está a realizar nesta explotación familiar que ten unha extensión de 23.000 metros cadrados, 12.000 deles de invernadoiros e o resto ao aire libre. A súa principal innovación é o sistema de produción, que lonxe dun proceso industrializado aposta pola semiliberdade dos caracois e por unha alimentación natural que garante unha gran calidade. “É precisamente esta calidade e excelencia pola que traballamos dende o noso certificado”, explicou Carlos Vila. “Agora a empresa ten que decidir se lle interesa entrar a formar parte do conxunto de produtos galegos que contan con este selo”.

Tal e como explicou o director de Galicia Calidade, “unha vez que a empresa tome a decisión de solicitar o seu ingreso, iniciaríase o procedemento e faríase unha auditoría para poder outorgarlle a certificación”. Todo este proceso tería unha duración de un mes e medio.

Pola súa banda, tanto Nava Castro como Cores Tourís destacaron a labor desta empresa “que supón un impulso económico para un municipio do rural como é Cotobade”.

Deste xeito, a Xunta, segundo apuntou a directora xeral, “continúa a apostar polo pulo das empresas do interior e por tanto, pola súa dinamización e pola loita contra o despoboamento do rural”.

“Tal e como puiden comprobar trabállase nesta firma coa variedade do caracol máis valorado no mercado, é dicir, o gran gris escuro”, asegurou a directora Xeral. “En esta explotación realízase todo o proceso dende a cría ao seu engorde e envasado final. É magnífico comprobar cómo, a pesar da crise, temos empresas que seguen a crecer xerando riqueza económica, o que, sen dúbida, debe ser todo un orgullo para Cotobade”.

Pola súa banda, José Luis García explicou que os caracois son alimentados con cereal, tanto millo coma trigo e por suposto con calcio, “xa que necesitan fortalecer a súa concha”. A explotación conta, ademais, con zonas de sombreo para que o sol non dea directamente aos animais e que poidan contar co grao de humidade idóneo “e que así estean nas mellores condicións. De feito, tamén instalamos mantas antiherba e zona de refuxios”.

Esta empresa produce, dependendo do ano, entre 9 e 12 toneladas de produto que se distribúe no mercado nacional “especialmente no Levante, en Madrid e Barcelona”.

Pola súa banda, o responsable da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra recordou que “sen dúbida, este produto pode axudar a potenciar economicamente ao concello de Cotobade”, xa que “Caracoles do Gallo” é unha das principais explotacións “non só de Galicia senón tamén de España”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-08-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES