Notas de prensa

A VI Feira do Viño de Monterrei celébrase en Verín entre o 6 e o 7 de agosto

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, que será a pregoeira da feira, destacou que se trata “dun evento vitivinícola de marcada personalidade” e que supón “unha maridaxe perfecta, a do turismo e a enoloxía”.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, presentou a VI Feira do Viño de Monterrei, que terá lugar os días 6 e 7 de agosto no concello ourensán de Verín. Ao acto, celebrado no Hostal dos Reis Católicos, tamén asistiron o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, e o presidente da Denominación de Orixe Monterrei, Antonio Méndez.

Na súa intervención, a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, destacou que a Feira do Viño de Monterrei é “un evento vitivinícola de marcada personalidade” e que supón “unha maridaxe perfecta, a do turismo e a enoloxía”. Sinalou, ademais, que a celebración da sexta edición desta feira “é unha grande oportunidade para dar a coñecer a nosa terra”, ao tempo que definiu o enoturismo como “unha maneira de turismo experiencial para achegarse ao descubrimento de todo un territorio”.

Carmen Pardo, que ofrecerá o pregón da Feira do Viño de Monterrei o próximo día 6 de agosto, destacou o gran potencial co que conta o enoturismo en Galicia, un sector que, segundo dixo, “é quen de incrementar os fluxos, aumentar o gasto e traer turismo de interior e desestacionalizado”.

Nesta mesma liña, lembrou que “facer vivir Galicia a través do viño” é o obxectivo dos paquetes turísticos Vive Galicia, lanzados pola Secretaría Xeral para o Turismo e que veñen de cumprir a súa segunda edición. Trátase de seis paquetes que ofrecen experiencias vinculadas coa enoloxía e que levan por nome: Entre os viñedos do Ribeiro, Enoturismo na Ribeira Sacra; Lugo Romano e Robeira Sacra; Ribeira Sacra Lucense; De cata por Monterrei e Colores de Mencía. A secretaria xeral para o Turismo fixo especial fincapé no paquete específico De Cata por Monterrei, que basea a súa oferta no enoturismo desta zona e que se combina con outros recursos como o termalismo, a tarvés de tratamentos como a viñoterapia.

No seu discurso, Carmen Pardo quixo destacar a aposta especial da Secretaría Xeral para o Turismo co enoturismo, un compromiso que se concreta en accións como o apoio a eventos relacionados coa gastronomía e coa promoción dos viños galegos ou como a posta en marcha, a través de Turgalicia, das Rutas dos Viños da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, xunto á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Comissao de Viticultura da Regiao dos Vinhos Verdes de Portugal. Por último, subliñou a posta en marcha da primeira guía de enoturismo de Galicia, na que participan ata un total de cen concellos de Galicia.

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán, asegurou que durante os próximos días 6 e 7 de agosto “compartiremos cos nosos veciños e visitantes o éxito rexional, nacional e internacional dos viños de Monterrei”. Destacou, ademais, que este recoñecemento público logrouse “grazas á labor do Consello Regulador e de cada unha das 25 adegas que conforman esta denominación” e que, segundo dixo, “situaron á comarca no mapa vitivinícola internacional” ao lograr premios no Concurso Mundial de Bruselas, Cata de Viños de Galicia, Concurso de Viños do Noroeste e ao acadar a inclusión dalgúns destes viños en guías tan prestixiosas como Campsa ou na revista The Wine Advocate, do crítico norteamericano Robert Parker.

Programa da feira

A sexta edición da Feira do Viño de Monterrei comezará o sábado 6 de agosto, ás 19.00 horas, cunha cata popular que correrá a cargo do director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe de Monterrei. Unha hora despois, terá lugar a inauguración oficial da feira co pregón da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo. Ás 21.00 horas haberá unha actuación do grupo teatral Os quinquilláns e ás 21.30 horas serviranse cócteles feitos con viños de Monterrei.

Na xornada de domingo, a feira estará aberta desde ás 11.00 ás 14.30 horas da mañá, e das 19.00 ás 23.30 horas. A cata popular correrá a cargo de Nacho Costoya e, ademais, ao longo do día haberá actividades complementarias como catas de produtos galegos con denominación de orixe.

Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, haberá teatro na rúa no que se representarán obras que teñen relación co viño. Por último, a Praza García Barbón acollerá a partir das 20.00 horas do domingo un concerto folk.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-07-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES