Notas de prensa

Eloxios aos éxitos dos galegos emigrados no Día de Galicia en Madrid

Entregáronse na Casa de Galicia en Madrid os diplomas a personalidades galegas que triunfaron na capital española. O conselleiro de Presidencia da Xunta destacou as súas achegas para mellorar o país con modelos propios. Ábrese un camiño de recoñecemento ao vencello de persoas e institucións con Galicia.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, participou na celebración en Madrid do Día de Galicia, onde destacou a contribución e o éxito profesional acadado polos galegos emigrados á capital de España, exemplificándoo nas personalidades que foron homenaxeadas no acto celebrado hoxe na Casa de Galicia en Madrid, no que tamén estivo o director da entidade e delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

Concretamente foron recoñecidos o ex presidente da Xunta e fundador da Casa de Galicia, Manuel Fraga; o cardeal arcebispo de Madrid, Antonio María Rouco Varela; o ex ministro e ex presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría; e catro asociacións galegas en Madrid nas figuras dos seus dirixentes: o presidente da Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid, Julio Lage; o presidente da Asociación de Xuristas Galegos en Madrid, Carlos Lema; o presidente da Asociación de Médicos Gallegos en Madrid, Francisco R. García; e o gran chanceler da Enxebre Orde da Vieira, Enrique Santín.

Rueda gabou a súa enorme aportación ao mundo da empresa, do dereito, da medicina e da política a nivel estatal e subliñou que ao longo dos anos Galicia ten contribuído cos mellores dos seus fillos ao benestar de España, con galegos que teñen marcado dende Madrid un antes e un despois nos seus ámbitos profesionais. Ademais, quixo recoñecer a contribución dos persoeiros homenaxeados de cara a manter o vínculo entre todos os galegos acollidos en Madrid. O titular de Presidencia do Goberno galego tamén quixo facer fincapé nas aportacións que día a día fai Galicia para mellorar España, ideando e defendendo iniciativas e modelos susceptibles de ser exportados ao resto do país, en ámbitos tan relevantes como o empresarial, o sanitario ou o político.

Ónega, nas súas palabras de benvida, afirmou que "os galegos levamos imprimido na alma o amor á terra" e que "Galicia non é soa un país e unha terra, senón un sono, unha paixón, un constante renacer e retornar". Tamén que "é verdadeiramente incrible que o sono de Europa, agora tan castigada pola crise, nacese en Galicia”. Sinalou así mesmo que é a primeira vez que dende a Casa de Galicia se entregan as distincións que tiveron lugar, que nacen coa vocación de inaugurar un camiño de recoñecemento á vinculación de persoas e entidades con esta Institución.

Entre as personalidades que asistiron á celebración había destacados parlamentarios, maxistrados, xuristas, empresarios, médicos, profesores e directivos de asociacións e centros galegos na Comunidade de Madrid. O acto completouse coa actuación de dous destacados gaiteiros da Axencia Galega dás Industrias Culturais (Agadic) Xesús Vaamonde Manteiga e Xosé Lois Romero Cajigal os que, entre outras cousas, intepretaron o Himno Galego, seguido con emoción polos convidados ao acto.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2011-07-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES