
Desde o martes 19 de xullo, e ata o xoves 21, celébrase a XXIII Cata de Viños de Galicia 2011, que organiza a Consellería do Medio Rural en colaboración cos cinco consellos reguladores vinícolas, no Centro Integrado de Formación Profesional en Lamas de Abade (Santiago).
Neste certame -un dos máis importantes dos que se celebran en Galicia e que conta coa categoría de concurso oficialmente recoñecido de viños en España- competirán un total de 185 caldos procedentes das D.O. Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, Rías Baixas e Monterrei.
Os viños participantes deberán estar elaborados nas adegas inscritas nos rexistros de cada unha das Denominacións de Orixe, con viños da colleita do 2010 ou da colleita do 2009 se nalgunha das súas fases de elaboración estivesen en contacto con madeira.
Cata de augardentes
Así mesmo, ten lugar -neste mesmo centro- a celebración da XIII Cata de Augardentes de Galicia 2011, na que colabora o Consello Regulador das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, e que inaugurou esta mañá a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon.
Neste certame participan un total de 16 augardentes procedentes de 15 industrias elaboradoras. Das seis marcas con maior puntuación sairán premiadas as tres gañadoras co Pote de Ouro, Pote de Prata e Pote de Bronce.
Catadores
No panel de cata están presentes recoñecidos expertos coma a doutora en ciencias químicas Sandra Cortés, ou a investigadora no Consello Superior de Investigacións Científicas de Pontevedra Mar Vilanova. Tamén participan os enólogos José M. Martínez Juste e María Sineiro; o enxeñeiro técnico agrícola Fernando Vilariño; e os sumilleres Javier Pérez e José M. Martínez Matos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.